Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores da USC coordinan en México a fase final dun proxecto sobre o comercio intra industrial entre a UE e América Latina

Actualizada: 07-09-2015 12:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Investigadores do grupo ICEDE da USC desprazáronse a pasada semana a México para levar a cabo a coordinación da fase final do proxecto de investigación ‘ Avances no patrón de comercio intra-industrial entre a Unión Europea e América Latina: o caso de Brasil e México’ que dirixe o profesor Óscar Rodil e que resultou o único proxecto gañador da convocatoria 2014 do Programa Explora da EU-LAC Foundation, con sede en Hamburgo (Alemaña).
 
O grupo da USC reuniuse cos representantes das outras dúas universidades que traballan no proxecto, a del Mar-Oaxaca e a Autónoma de Chiapas, que avaliaráos novos tipos de comercio entre os membros da Unión Europea e a relación que existe entre México e Brasil. No marco desta visita, os investigadores da USC foron tamén recibidos polos reitores e equipos de goberno das dúas universidades mexicanas, que amosaron o seu interese polo proxecto, froito do traballo de moitos anos, como sinalaron nas xuntanzas.
 
A Fundación EU-LAC (European Union-Latin America and Caribbean Foundation) foi creada no ano 2010 polo VI Cumio de xefes de Estado e de Goberno, agrupando os 33 Estados de América Latina e o Caribe, e os 28 membros da Unión Europea así como as institucións desta.

 O grupo de investigación ICEDE comezou a conformarse nos anos 90 no seo do Departamento de Economía Aplicada da USC para investigar no ámbito da economía e políticas da innovación, desenvolvemento rexional, desigualdades territoriais, crise económica e economía de Galicia.