Saltar ao contido principal
Xornal

Un traballo da USC gaña o Premio Antonio Usero de ciencias da saúde

Actualizada: 14-09-2015 13:17 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Carlos García, en primeiro termo, xunto con Carmen Álvarez e Ángel Concheiro
O traballo ‘Prototipado de scaffolds nanoestruturados para rexeneración ósea’, desenvolvido no grupo I+D Farma da USC e con Carlos A. García González como investigador principal, resultou gañador da novena edición do Premio de Investigación Antonio Usero da área de Ciencias da Saúde que convocan o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña. Xunto a Carlos García, o grupo de traballo galardoado está formado pola rofesora titular Carmen Álvarez Lorenzo e o catedrático Ángel Concheiro Nine. O xurado destacou o rigor da investigación e o que pode supor “para a recuperación de moitas persoas con problemas de saúde complexos”.

Carlos A García González, que conseguiu o premio fronte aos outros 23 aspirantes desta edición, é enxeñeiro químico e licenciado en Química pola USC e doutor en Enxeñaría de Procesos Químicos pola Politécnica de Cataluña. A súa estadía posdoutoral realizouna entre 2010 e 2012 no Institute of Thermal Separation Processes da Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña) e foi enxeñeiro investigador no centro de I+D da compañía Solvay (Bruxelas, Bélxica) entre 2012 e 2014.
 
En 2014 incorporouse como investigador Juan de la Cierva ao grupo I+D Farma do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC. Ten actualmente concedida unha axuda Ramón y Cajal de próxima incorporación no mesmo grupo. A súa liña investigadora céntrase no desenvolvemento de andamiaxes nanoestruturados e biofuncionalizados adecuados para medicina rexenerativa mediante o emprego da tecnoloxía de fluídos supercríticos, unha tecnoloxía verde de fabricación nun só paso, facilmente escalable e sen necesidade de procesos de purificación posteriores.
Os premios

O premio de investigación Antonio Usero –dotado con 12.000 euros– convócase con carácter bianual, un ano dedicado ás ciencias da saúde e o seguinte ás ciencias do traballo. Nesta ocasión, o xurado estivo composto por un representante do concello ferrolán; o catedrático do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, Tomás González Villa; o coordinador da Unidade de Investigación Clínica e Ensaios Clínicos da Coruña, Pablo Uriel Latorre; as profesoras do Departamento de Ciencias da Saúde da UDC María Sobrido Prieto e Carmen Coronado Carvajal; e o secretario técnico do Campus de Ferrol, Ramón J. Noguerol Gómez.