Saltar ao contido principal
Xornal

Unha liña de traballo do grupo I+D Farma acada o European Doctoral Award da Sociedade Europea de Biomateriais

Actualizada: 15-09-2015 12:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Ana Puga recolleu o premio no transcurso da 27th European Conference on Biomaterials
Desenvolvida dentro do grupo I+D Farma da USC, a tese de Ana Puga Giménez de Azcárate acaba de ser galardoada no European Doctoral Award que concede a Sociedade Europea de Biomateriais para recoñecer, animar a estimular a investigación traslacional sobresaliente neste campo. O premio recoñece aqueles investigadores/as novos/as que recibiron unha formación e un adestramento de alta calidade no eido das biomateriais e a enxeñaría de tecidos e teñan difundido os seus resultados científicos en revistas e conferencia de alto nivel.
 
Baixo a dirección da profesora Carmen Álvarez Lorenzo e do profesor Ángel Concheiro Nine, a tese de Ana Puga centrouse na aplicación e aproximacións biomiméticas á posta a punto de procedementos de preparación de micropartículas e ao deseño de implantes ou andamiaxes (scaffolds) para o tratamento de patoloxías óseas, micelas poliméricas sensibles a condicións de estres oxidativo para o tratamento de procesos inflamatorios, así como de produtos de combinación fármaco-produto sanitario con capacidade para previr as infeccións por fungos.
 
A aplicación de criterios biomiméticos abre, en opinión dos investigadores, “interesantes posibilidades para deseñar procedementos de elaboración máis eficientes e para sentar as bases dunha nova xeración de sistemas de administración de fármacos sacando partido do coñecemento das estruturas, mecanismos e as funcións dos compoñentes dos seres vivos”. Os resultados desta investigación deron lugar a dúas patentes ademais de diversas publicacións en revistas de prestixio como Acta Biomaterialia, Advanced Drug Delivery Reviews, carbohydrate Polymers e Biomacromolecules, ademais de ter sido resaltados no magazine da ACS Chemical & Engineering News.