Saltar ao contido principal
Xornal

O Grupo Compostela de Universidades celebra a súa Asemblea Xeral en Santiago a próxima semana

No marco da Asemblea Xeral entregarase o XIX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Actualizada: 18-09-2015 13:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O Grupo Compostela de Universidades (CGU) celebra entre os días 24 e 26 de setembro a súa Asemblea Xeral na cidade de Santiago, coa USC como anfitrioa e coa participación de arredor de medio cento de representantes de universidades de todo o mundo. A xuntanza constará de dúas partes principais, unha primeira de carácter privado, a reunión do Consello Xeral, na que se debaterán asuntos internos do Grupo e que se celebrará o xoves 24 deste mes. Durante o transcurso da xornada farase entrega do premio aos gañadores do IV Concurso Internacional de Vídeo, estudantes da Universidade Jaume I de Castelló, e será elixido un novo presidente para o Grupo Compostela.

A segunda parte da Asemblea Xeral, de carácter público, será a xornada académica 'Aprender facendo o Camiño Intelixente' e desenvolverase no edificio CINC da Cidade da Cultura, o venres 25 de setembro desde as 9 ata as 18.30 horas. Durante esta Xornada, centrada nas rutas de aprendizaxe intelixente como o Camiño de Santiago, terán lugar a primeira sesión do foro 'As universidades do século XXI', a segunda edición do 'Diálogos Compostela en Educación Superior' e a primeria edición de 'Compostela Café'. Contarase durante estas sesións coa presenza de figuras internacionais como o filósofo italiano Nuccio Ordine; o presidente do Consello Europeo de Investigación, Jean-Pierre Bourguignon; a directora-xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, Martine Reicherts; o coordinador de Educación Terciaria do Banco Mundial, Francisco Marmolejo; e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, entre outros.

A Asemblea Xeral rematará coa entrega do XIX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Este ano o premio concédeselle ao programa Erasmus da Comisión Europea.

Grupo Compostela
O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa a prol da cooperación e a promoción do diálogo no eido da educación superior. Creada no ano 1993 por un grupo de universidades europeas, actualmente o CGU está formado por 64 membros procedentes de 27 países, o cal se traduce en máis de 150.000 persoas traballando nas universidades e arredor de 1,3 millóns de estudantes. A Secretaría executiva do CGU sitúase en Santiago de Compostela, e conta, ademais, cunha delegación en Bruxelas.