Saltar ao contido principal
Xornal

O investigador Rubén Nogueiras, recoñecido co premio Rising Star da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes

O galardón premia a traxectoria de investigadores menores de 38 anos que estean desenvolvendo a súa actividade de investigación en Europa

Actualizada: 29-09-2015 12:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Rubén Nogueiras

O investigador da USC Rubén Nogueiras acaba de ser recoñecido co premio Rising Star da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes, un galardón que premia a traxectoria de novos investigadores, menores de 38 anos, que estean desenvolvendo a súa actividade de investigación en Europa. O premio quere promover a investigación innovadora arredor da diabetes e outórgase a científicos cunha liña de investigación ben definida e orixinal cuxos resultados teñan sido publicados en revistas de alto impacto.

Actualmente, Ruben Nogueiras é profesor do Departamento de Fisioloxía e investigador do Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) onde coordina o grupo de Metabolismo Molecular, cuxo reto principal está dirixido a descifrar as complexas e múltiples vías moleculares que causan a obesidade e a diabete tipo 2. O grupo mantén unha estreita colaboración con varios grupos clínicos nacionais e internacionais co fin de comprender o potencial dos datos obtidos en laboratorio poden ter sobre os pacientes.

Traxectoria científica
O traballo investigador do docente da USC ten acadado constantes achados e recoñecementos nos últimos anos. En 2010 Rubén Nogueiras resultou premiado por un estudo orientado ao tratamento da obesidade coa administración da hormona GLP-1. Ao ano seguinte, o European Research Council (ERC) outorgáballe unha axuda Starting Grant para estudar a función do xene p53 na regulación do apetito, do peso corporal e os niveis de glicosa en sangue. Xa en 2012 xunto a outros investigadores demostraron por vez primeira que a perda do receptor opioide delta (presente en todos os animais e un dos responsables da sensación de dor) provoca efectos beneficiosos no metabolismo como engordar menos. En datas máis recentes, en 2014, o seu equipo de investigación descubriu o mecanismo polo que un fármaco antidiabético diminúe tamén o peso corporal ao activar a graxa parda.

O recoñecemento do labor investigador de Rubén Nogueiras por parte da Sociedade Europea de Diabetes engádese aos outorgados por outras sociedades científicas como a Europea de Obesidade (Premio Europeo ao Mozo Investigador en Obesidade 2009), a Sociedade Europea de Endocrinoloxía (Premio ‘Journal of Molecular Endocrinology 2011) ou a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular. 

Rubén Nogueiras
Doutor en Bioloxía pola USC, Rubén Nogueiras continuou a súa formación en diferentes laboratorios de Alemaña, Suíza e Estados Unidos. No ano 2009 incorporouse ao Departamento de Fisioloxía da USC como investigador Ramón y Cajal. É membro do Centro de Investigación Biomédica en Rede- Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBERobn) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).