Saltar ao contido principal
Xornal

O Campus Terra da USC bota a andar en Lugo coa excelencia, especialización e internacionalización como grandes retos

O reitor Juan Viaño e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinan o convenio para o Plan de Actuación 2015-2016, dotado con 1.365.700 euros

Actualizada: 07-10-2015 19:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Bueno, Viaño, Rodríguez e Díez, na sinatura do convenio do plan de actuación 2015-16 do Campus Terra, na Casa do Saber en Lugo

O reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o conselleiro conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron este mércores o convenio para o desenvolvemento do Plan de Actuación 2015-2016 do Campus Terra en Lugo, un proxecto de especialización a través do que a USC busca poñer en valor os recursos da terra e contribuír ao desenvolvemento do medio rural e social galego a través da realización de actividades docentes, de servizos e de I+D+i que ofrezan solucións e dean respostas ás necesidades e retos existentes, sinalou Viaño.

 
A posta en marcha do Plan de Actuación do Campus Terra, ao que a Xunta destina máis de 1.365.700 euros, ten como obxectivos a definición e organización das estruturas de goberno, a elaboración dos plans operativos que permitan definir con maior concreción futuras actuacións e a materialización de accións estratéxicas encamiñadas a facer do campus de Lugo un referente internacional en materia de investigación e innovación no eido forestal, así como da veterinaria, agricultura e gandería.
 
A produción sostible de alimentos, a seguridade alimentaria, a sanidade animal e vexetal, a xestión empresarial e o emprendemento no medio rural,  os recursos forestais, a planificación do territorio, o desenvolvemento rural e social ou a xestión do medio natural sostible son, entre outros, ámbitos temáticos do Campus Terra, indicou Viaño. O reitor da USC precisou asemade que o modelo de gobernanza do Campus Terra vai na liña dos Campus de Excelencia Internacional e contará, ademais de cunha comisión rectora, co asesoramento dunha comisión externa presidida polo director do Campus da Alimentación da Universidade de Barcelona, o catedrático Marius Rubiralta.
 
Tamén forman parte deste comité externo Enrique Quesada, coordinador do campus de excelencia internacional CeiA3 da Universidade de Córdoba; o director da oficina académica tecnolóxica da Universidade de Florida, Pedro S. Zazueta; o profesor do Royal Veterinary College da Universidade de Londres Francisco Javier Guitián, e José Luis Antuña, de Feiraco. Esta comisión tamén estará aberta á participación das administracións, tales como a Xunta de Galicia, Concello e Deputación de Lugo.
 
Excelencia, especialización e internacionalización son os outros dous obxectivos estratéxicos transversais do Campus Terra, salientou o reitor da USC. Viaño explicou que neste senso que a especialización a carón da Terra desde un enfoque multidisciplinar redundará en maiores cotas de calidade e competencia. A internacionalización promoverá a conformación dunha sede universitaria aberta ao mundo e reforzará así o perfil internacional da USC e a súa capacidade de actuar en resposta ás necesidades globais. Outro dos aspectos que impulsará o Campus Terra será a colaboración tanto a nivel interno como externo. No plano interno, a colaboración interdisciplinar nos ámbitos da docencia, investigación e servizos permitirá acadar metas máis ambiciosas, mentres que a colaboración externa promoverá a interación da USC cos sectores económicos e sociais, subliñou o reitor.
 
Primeiras accións estratéxicas
As primeiras accións estratéxicas do Campus Terra están centradas en potenciar e mellorar os servizos e estruturas actuais da sede universitaria luguesa. Neste senso, está prevista a posta en marcha dun portal web que faga promoción do Campus Terra a nivel internacional e achegue máis visibilidade ás súas actividades. Ademais, crearase o centro e-Terra para ofertar formación non presencial que facilite a egresados/as o reforzo e actualización de coñecementos e permita a captación de novos estudantes.
 
O fortalecemento das estruturas de investigación xa existentes no campus de Lugo a través de actuacións como a mellora das plataformas tecnolóxicas, das fincas e invernadoiros experimentais, dos laboratorios de investigación alimentaria ou do animalario, son outras das accións estratéxicas contempladas nesta fase inicial de desenvolvemento do Campus Terra.
 
Articulación da gobernanza
O plano estratéxico contempla, ademais da definición da súa Unidade de Goberno, a creación dunha Unidade Técnica que preste o apoio administrativo específico para a mellora operativa do Campus Terra. Especial atención merece neste apartado a creación dunha rede de valor para promover a interacción cos grupos de interese, coa que se quere promover un novo modelo de colaboración a largo prazo entre o Campus Terra e as institucións públicas e privadas, empresas, produtores e asociacións profesionais. O obxectivo é que estas apoien e asesoren as iniciativas do Campus e que, deste xeito, o consideren como un provedor de servizos de excelencia nas súas áreas de especialización.
 
Neste sentido está previsto favorecer a relación cos egresados/as -que poderán tamén continuar a súa formación a través do centro e-Terra, previsto nas primeiras accións estratéxicas- e cos colexios profesionais, buscando dar visibilidade e valor engadido aos produtos que ofreza o Campus.
 
O obxectivo final é crear espazos de interacción e colaboración cos diferentes axentes implicados nos sectores de especialización que abranga o Campus, de tal forma que a actividade académica e investigadora que nel se desenvolva redunde nun claro impacto socioeconómico e na transferencia de coñecemento á sociedade en xeral. Ademais, crearase un selo distintivo de calidade para certificar aquelas institucións, empresas e asociacións que manteñen unha colaboración co Campus Terra.
 
Outro dos obxectivos desta primeira fase de actuación do Campus Terra é elaborar unha diagnose da demanda empresarial a fin de ter en conta as necesidades de formar especialistas no eido forestal, agrario e alimentario de Galicia, indicou o reitor da USC na sinatura do convenio coa Consellería de Educación.
 
Autoridades presentes
O acto de sinatura do Plan de Actuación 2015-2016 do Campus Terra da USC congregou este mércores no auditorio da Casa do Saber de Lugo unha ampla presenza de autoridades políticas, ademais de profesores e investigadores da USC, empresarios e representantes do tecido empresarial.
 
O secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, acompañaron na presidencia ao reitor da USC e ao conselleiro de Educación, que formalizaron a posta en marcha do  Campus Terra diante dun auditorio repleto de autoridades políticas e académicas, ademais de representantes do tecido empresarial.

Outras imaxes


Público aistente ao acto de sinatura do convenio