Saltar ao contido principal
Xornal

30.000 persoas visitaron o Museo de Historia Natural da USC no seu primeiro ano de existencia

Actualizada: 13-10-2015 13:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Este mércores 15 o Museo de Historia Natural da USC cumprirá un ano desde que abriu as súas portas. Polas súas instalacións na Finca Vista Alegre pasaron xa preto de 30.000 persoas, público de todas as idades pero tamén de moitos centros de toda Galicia e o Norte de Portugal e grupos significativos de turistas que xa inclúen este museo na súa ruta pola cidade. 

A partir de pezas que se remontan ao século XIX, doazóns e achegas institucionais e persoais, o Museo de Historia Natural que dirixe a profesora de Bioloxía da USC María Isabel Fraga reivindica a súa misión educativa e social, xa que ademais das súas tarefas de investigación e educación formal centra o seu labor na divulgación científica. 

Obradoiros próximos
Precisamente, para o sábado 31 de outubro está previsto un obradoiro sobre o Samaín no que rapaces e rapazas de 6 a 12 anos asistirán a unha sesión na que farán manualidades e aprenderán historias de medo nun percorrido ‘terrorífico’ polo museo. 

Xa en novembro terán lugar outros dous obradoiros dirixidos aos máis novos nos que poderán coñecer algúns dos seres vivos máis velenosos que existen e os animais que viven nas diferentes partes do planeta e cómo están adaptados para vivir nos diferentes ambientes. Para todos eles é necesaria unha inscrición previa.

Amigos do Museo
Entre as iniciativas que o Museo puxo en marcha no seu primeiro ano de vida destaca a Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC, que ten como obxectivo a promoción da entidade e a colaboración en actividades científicas, culturais, educativas e recreativas.

Para formar parte da asociación, que conleva numerosas vantaxes como a entrada de balde no museo ou a participación en diferentes actividades, é preciso aboar unha cota anual de 30 euros –de facerse antes da primeira asemblea xeral estas persoas acadarán a condición de socio fundador–, que se reduce a 10 no caso de estudantes menores de 27 anos sen traballo remunerado. Ademais, existen descontos tamén para as familias (os descendentes menores de 18 anos de socios gozarán de todas as vantaxes sen aboar cota).

O museo e as súas xoias
Os principais espazos do museo agrúpanse arredor da Biodiversidade e Biodiversidade Terrestre, na planta baixa, e dos apartados dedicados a Xeodiversidade e Solo e Biodiversidade Mariña na primeira. Así, dende un espazo multimedia dedicado á comprensión da biodiversidade, a exposición permanente do MHN é un singular percorrido pola fauna e flora das augas continentais e dos bosques galegos ou pola xeodiversidade cunha detallada colección de minerais, pedras preciosas e semipreciosas, rochas, fósiles ou meteoritos. Tamén ten o seu espazo a biodiversidade mariña, as algas, os invertebrados, os peixes ou o litoral galego e outros ecosistemas máis lonxanos como a selva sudamericana ou a sabana africana.

O museo alberga pezas singulares de gran valor para o estudo e a divulgación da biodiversidade e o medio ambiente, concretamente no relativo ao solo, a cristalización dos minerais ou á malacoloxía. Así, por vez primeira en España exponse unha sala dedicada ao solo, cunha reprodución a escala dun fragmento de chan cortado en sección de xeito que se poden apreciar distintos elementos que inciden na súa conformación ou a súa relación coa fauna e a flora.

Uns metros antes, tamén na primeira planta, exponse unha colección única en España polo seu grao de detalle e unha das mellores do mundo de modelos de madeira coas formas xeométricas de cristalización das distintas especies minerais. É unha colección elaborada no século XIX baixo a dirección de René-Just Haüy, recoñecido como o fundador da Cristalografía.

Xunto estas dúas valiosas propostas, o Museo de Historia Natural é depositario da mellor colección de Europa e unhas das primeiras de todo o mundo no seu ámbito temático, a Colección Malacolóxica Emilio Rolán, cun volume próximo ao millón de pezas. Emilio Rolán está recoñecido como o investigador que máis especies mariñas ten descuberto e descrito, máis de 900.