Saltar ao contido principal
Xornal

A USC estuda cómo implantar sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas

O proxecto Life+Opere que lidera a Universidade de Santiago celebra unha xuntanza este mércores

Actualizada: 20-10-2015 11:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

No Monte da Condesa emprázase o edificio piloto do proxecto

O Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC lidera o proxecto Life+OPERE (Operación Eficiente de Redes Enerxéticas), que xurde coa intención de implantar sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas, tanto térmicas como eléctricas, en complexos con grandes consumos para diminuír o impacto medioambiental deste tipo de edificios.

O grupo de investigación, en colaboración con EnergyLab e co horizonte de decembro de 2016, pretende demostrar a viabilidade do que propón mediante a implantación dun proxecto de xestión enerxética nalgunhas das grandes instalacións que a Universidade de Santiago de Compostela posúe no Campus Vida. En concreto, buscan reducir o consumo de enerxía térmica nun 30% e de emisións contaminantes nun 35% aproximadamente.

Este mércores 21 terá lugar en Santiago o segundo panel networking de OPERE coa finalidade de dar cumprimento a algún dos obxectivos marcados: por unha banda, captar o impacto causado polas actividades derivadas da realización do proxecto na súa contorna e, por outra, coñecer experiencias similares e intercambiar información.  

A reunión de expertos comezará ás 9.30 horas no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC coa presentación dos distintos proxectos europeos participantes seguido dunha mesa redonda e dunha visita ás novas instalacións do edificio piloto no complexo de edificios do Monte da Condesa.