Saltar ao contido principal
Xornal

Ruta xeolóxica, relatorios sobre Parga Pondal e un wikimaratón na Biblioteca Intercentros de Lugo polo Día da Ciencia en Galego

Carme Silva, Marcelino Maneiro e Julia Cantalapiedra presentan os actos programados por Proxéctate en Galego e que se desenvolverán en Lugo os días 4 e 10 de novembro

Actualizada: 29-10-2015 13:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Maneiro, Silva e Cantalapiedra, na presentación dos actos do VI Día da Ciencia en Galego

O campus de Lugo da USC súmase á celebración do Día da Ciencia en Galego cunha ampla programación de actividades abertas á cidadanía e que inclúen unha ruta xeolóxica pola trama urbana da cidade amurallada, dous relatorios sobre a persona e o legado científico de Isidro Parga Pondal, ademais dun wikimaratón orientado a mellorar e ampliar contidos científicos da Galipedia que se desenvolverá na Biblioteca Intercentros do campus de Lugo.

 
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o profesor da USC e membro colectivo universitario Proxéctate en Galego Marcelino Maneiro, e a directora da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra, presentarán este xoves o programa organizado no campus de Lugo co gallo do Día da Ciencia en Galego, un evento cuxa temática da edición de 2015, por coincidir co Ano Internacional da Luz e dos Solos, presta especial atención a cuestións de Edafoloxía e rende homenaxe ás figuras de Parga Pondal e do físico Carlos Gómez Reino Carnota.
 
As actividades programadas polo colectivo universitario Proxéctate en Galego no campus de Lugo para conmemorar o Día da Ciencia en Galego, un abano de diversas iniciativas a través das que se pretende dar a coñecer e achegar a ciencia e tamén as persoas que a fixeron ou que están a investigar na actualidade á sociedade luguesa, desenvolveranse os días 4 e 7 de novembro.
 
A ruta xeolóxica ‘A historia que contan as pedras que pisas’, un itinerario urbano guiado por Xabier Barros, do colectivo xeocultural ‘Olho de Sapo’, e que partirá do miradoiro do Parque Rosalía de Castro para logo percorrer distintos espazos do recinto amurallado, abrirá o 4 de novembro, ás 16.30 horas, o programa de actos do VI Día da Ciencia en Galego en Lugo.
 
Este itinerario xeolóxico, de carácter gratuíto e aberto a todo o público interesado na xeoloxía, os solos e os minerais, terá unha duración de pouco máis de dúas horas. Ao seu remate, o auditorio da Casa do Saber de Lugo acubillará, ás 19.30 horas, dous relatorios sobre a dimensión científica e cidadá de Isidro Parga Pondal, o primeiro investigador galego que incorporou o galego á súa obra científica e tamén pioneiro na integración de mulleres nos seus grupos de investigación.
 
‘Isidro Parga Pondal e a súa comunidade’ e o título do relatorio que ofrecerá neste marco a profesora e investigadora da USC Verónica Martínez Delgado. Asemade, o doutor en bioloxía e historiador científico Francisco J. Leonardo Docanto, ofrecerá de seguido no mesmo escenario un relatorio co título ‘Isidro Parga Pondal, doutor en Ciencias’.
 
As actividades planificadas no campus de Lugo polo VI Día da Ciencia en Galego chegarán ao seu remate o 7 de novembro coa celebración da segunda edición do wikimaratón, un certame tamén aberto á participación cidadá e de carácter gratuíto, que se desenvolverá de 10.30 a 19.30 horas, na Aula Universia da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo.
 
Este wikimaratón, cuxos participantes traballarán, entre outras cuestións, na tradución ao galego das pautas de clasificación dos solos da FAO, ademais de dar continuidade a accións e liñas temáticas xa comezadas en edicións anteriores, inclúe tamén un xantar de traballo e o relatorio ‘ Xogando coa mente marabillosa de John Nash’, a cargo de Julio González Díaz, investigador do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC.