Saltar ao contido principal
Xornal  »  Aberto o prazo para solicitar unha bolsa para o Máster Europeo en Lexicografía que se impartirá o vindeiro curso na USC

Aberto o prazo para solicitar unha bolsa para o Máster Europeo en Lexicografía que se impartirá o vindeiro curso na USC

O posgrao acaba de recibir a mención Erasmus Mundus pola Comisión Europea

Actualizada: 09-11-2015 12:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Máster Europeo en Lexicografía que se impartirá o vindeiro ano na USC acaba de recibir a mención Erasmus Mundus pola Comisión Europea. Esta selección supón un recoñecemento ao traballo interuniversitario, interdisciplinar e global de diferentes universidades e institucións europeas e non europeas que presentaron a proposta, entre elas a USC. 

O programa, que ten por obxecto formar especialistas en lexicografía desde unha vertente teórica e práctica e á vez fomentar a mobilidade do estudantado e o intercambio científico transnacional, planificouse por parte española na Facultade de Filoloxía da USC baixo o liderado de María José Domínguez e xunta os mellores especialistas do sistema universitario galego entre o seu corpo docente. 

Trátase dun posgrao cunha duración de dous anos (120 ECTS) que combina a docencia presencial, workshops, a realización de prácticas e un cuadrimestre de intercambio nunha das universidades do consorcio, que ten previsto un total de 43 bolsas para o que xa está aberto o prazo de solicitudes.

Bolsas de 1.000 euros mensuais
As persoas beneficiarias destas bolsas recibirán para toda a duración do Máster preto de 1.000 euros mensuais, e ademais serán subvencionados outros gastos como, por exemplo, os de viaxe derivados do cuadrimestre de mobilidade nalgunha das universidades do consorcio, entre as que se atopan Alemaña, Italia, Hungría, Portugal ou Polonia.