Saltar ao contido principal
Xornal  »  Alumnos de teatro do IV Ciclo apoian unha campaña de Bonhomía para que os nenos de Lugo teñan agasallos en Nadal

Alumnos de teatro do IV Ciclo apoian unha campaña de Bonhomía para que os nenos de Lugo teñan agasallos en Nadal

Raúl Fariñas e Alicia Ferreiro participan como actores no spot divulgativo da iniciativa ‘Ningunha árbore baleira’, divulgada a través das redes sociais

Actualizada: 10-11-2015 14:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Raúl Fariñas e Alicia Ferreiro, na Praza Pío XII de Lugo

Raúl Fariñas e Alicia Ferreiro, dous alumnos do taller de arte dramática do IV Ciclo da USC no campus de Lugo, veñen de dar o salto ao mundo da publicidade a través da da campaña solidaria ‘ Ningunha árbore baleira’, unha iniciativa altruísta promovida pola Asociación Bonhomía, e a través da que se pretende que ningún neno de Lugo se quede sen agasallo de Reis durante as próximas festas de Nadal.

 
Fariñas e Ferreiro, un matrimonio na vida real involucrado desde hai anos nos obradoiros de teatro programados pola USC no marco do programa de IV Ciclo, dan vida no spot divulgativo da campaña a unha parella de avós que agasalla cun camión á protagonista, unha nena que envexa o xoguete doutro neno.
 
O obxectivo de ‘Ningunha árbore baleira’, que non é outro que o de procurar xoguetes para nenos e nenas de familias sen recursos económicos, foi decisivo para que Raúl e Alicia aceptaran o convite feito á Aula de Teatro da USC no campus de Lugo pola Asociación Bonhomía, resultante da unión de sete persoas, profesionais de diversas disciplinas e residentes en tres provincias españolas (Lugo, A Coruña e Valencia).
 
A coordinadora da Aula de Teatro da USC no campus de Lugo, Paloma Lugilde, destaca que este tipo de accións dan boa conta da dimensión social e interxeneracional que debe ter o teatro universitario e en especial as intervencións que teñen como protagonistas a alumnos do IV Ciclo, “ un colectivo universitario dinámico, con múltiples e diferentes inquedanzas e que constitúe unha permanente fonte de aprendizaxe”, di.