Saltar ao contido principal
Xornal  »  Estudantes do Colexio Galén, de Lugo, e do IES Carlos Casares, de Viana do Bolo, premiados no concurso de ‘geocaching’ da EPS

Estudantes do Colexio Galén, de Lugo, e do IES Carlos Casares, de Viana do Bolo, premiados no concurso de ‘geocaching’ da EPS

Máis de 50 estudantes de ESO e BAC de sete centros educativos galegos participaron no certame organizado pola EPS e o Colexio de Enxeñaría Xeomática e Topográfica

Actualizada: 18-11-2015 15:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes e organizadores do primeiro concurso de geocaching celebrado na EPS
O equipo do centro educativo Galén, de Lugo, integrado por Antón Carral, María Durán, Ignacio López, Álvaro Olloqui e Juan José Rodríguez, proclamouse gañador do concurso de geocaching organizado pola Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica. Ao remate das probas programadas, os gañadores recibiron como agasallo cadanseu dron, ademais do diplomas acreditativos.
 
O equipo do IES Carlos Casares, de Viana do Bolo, conformado por Miguel Pérez, Laura Rodríguez, Álvaro Seoane e Irea Rodríguez, rematou en segunda posición e os integrantes recibiron como agasallo cadanseu par de gafas 3D móbil, ademais do pertinente diploma de participación.
 
A primeira edición do concurso de geocahing celebrado na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, un certame, orientado a estudantes preuniversitarios, contou coa participación de máis de 50 alumnos de cuarto curso de ESO de Bacharelato procedentes de sete centros educativos de Galicia: IES de Ortigueira, IES Carlos Casares,de Viana do Bolo, IES Ánxel Fole de Lugo, IES Río Miño de Rábade, IES Enrique Muruais de A Pontenova, IES A Pinguela de Monforte de Lemos e Centro Educativo Galén de Lugo.
 
Antes do desenvolvemento das probas organizadas, o coordinador do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC no campus de Lugo, o profesor da USC Francisco Javier López González, ofreceu unha recepción aos estudantes no salón de actos da EPS, o mesmo escenario no que, de seguido, o director deste centro universitario lugués, Tomás Cuesta, e o coordinador do título de grao en Enxeñaría Xeomática e Topografía, Jaime Rodríguez, ofreceron unha presentación desta titulación universitaria, tanto do seu programa de estudos como dos itinerarios e competencias laborais para as que capacita, ao alumnado preuniversitario.
 
A profesora da EPS e delegada en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica, María Iniesto, foi a encargada de instruír aos participantes no concurso cunha sesión informativa sobre aspectos e recursos básicos para o manexo do XPS. Ao remate das probas e logo de que os equipos participantes, acharan os geoaches escondidos, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, presidiu a entrega de premios aos gañadores, unha sesión na que tamén participou o presidente en Galicia do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo.
 
Ademais do alumnado inscrito para tomar parte no concurso de geocaching organizado pola EPS, outros 40 estudantes do IES de Ortigueira aproveitaron a celebración desta actividade para pasar unha xornada no campus de Lugo, onde, logo de asistir ás distintas sesións informativas celebradas na EPS, tamén tiveron a ocasión de coñecer algúns dos centros e servizos universitarios existentes no campus.
 
Xa en quenda de tarde e logo de xantar nun dos comedores universitarios, a delegación estudantil de Ortigueira presente en Lugo tamén visitou algúns do museos da cidade, tales como o Centro de Interpretación da Muralla ou a Domus do Mitreo.