Saltar ao contido principal
Xornal

O investigador Pablo Frieiro profunda nas propiedades do paladio como catalizador

É un campo de interese polo súa potencial aplicación en procesos industriais e porque permite realizar “química verde” ao diminuír os custes enerxéticos das reaccións

Actualizada: 18-12-2015 13:07
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Pablo J. Frieiro obtivo a máxima cualificación para a súa tese de doutoramento

A tese de Pablo J. Frieiro Gomis titulada ‘Preparación y estudio estructural de compuestos ciclometalados de paladio. Aplicaciones de catálisis’ estuda a aplicación dos compostos de paladio como catalizadores en reaccións de acoplamento carbono-carbono. Como explica o seu autor, a investigación profunda nun campo de “especial utilidade para a síntese de produtos de grande interese para a química industrial e farmacéutica” xa que permitirá a formación de novos enlaces entre átomos de carbono.

Neste senso, unha das aplicacións máis interesantes dos compostos de paladio relaciónase coa súa actividade como catalizadores, moléculas que en pequenas cantidades –en proporcións do 1% ou incluso inferiores- aceleran ou reducen o gasto enerxético dalgunhas reaccións. Esta é unha propiedade moi estudada “pola súa potencial aplicación en procesos industriais”, explica Pablo Frieiro, e permite realizar “química verde” ao diminuír os custes enerxéticos, ademais de que nalgúns casos permitiría realizar procesos utilizando disolventes menos nocivos para o ambiente. A modo de exemplo, Frieiro Gomis sinala que cos catalizadores de paladio conseguiuse evitar a utilización en distintos procesos do benceno, un disolvente altamente tóxico e nocivo.

O traballo, valorado como sobresaliente cum laude, aborda a síntese de novos compostos organometálicos de paladio, con diversas aplicacións derivadas das características especiais deste metal. O paladio pode combinarse con distintas moléculas, os ligandos, que modificarían as súas propiedades. Como explica o doutor Frieiro Gomis, grazas a estas modificacións, os compostos resultantes poden ter aplicacións moi variadas. Dirixiron o traballo de investigación os profesores José Manuel Vila Abad e Juan Manuel Ortigueira Amr e a profesora Mª Teresa Pereiro Lorenzo.


Outras imaxes


Defendeu a súa investigación nun acto na Facultade de Química