Saltar ao contido principal
Xornal

Estudan cómo evolucionou a escaleira monumental en Santiago de Compostela dende o século XVI

Actualizada: 25-01-2016 10:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Milena Cortés fronte á escaleira de San Martiño Pinario

A historiadora da arte Milena Cortés López defendeu na USC a súa tese de doutoramento ‘De tiros, huellas y arrimos. Historia de la escalera monumental en Santiago de Compostela. (Siglos XVI-XXI)’ na que estuda a evolución, desenvolvemento e comportamento artístico que experimenta a escaleira monumental ao longo da historia, tomando como caso concreto o de Santiago de Compostela, “no que segue a ser un referente na cidade”, afirma. 

“Sendo un elemento arquitectónico que pretende dar resposta a unha necesidade funcional, a escaleira convértese en expresión da mentalidade do home e no reflexo dos diferentes coñecementos técnicos e gustos estéticos ao longo dos anos”, explica Milena. 

No traballo doutoral, que mereceu a máxima cualificación, faise un rigoroso estudo da historia xeral da escaleira monumental botando man de literatura da construción, libros antigos –a lgúns localizados en bibliotecas compostelás– que recollen as primeiras ideas que os teóricos e arquitectos achegan á concepción da escaleira, fundamentalmente desde o século XV. 

A tese que dirixiu o profesor Juan Monterroso cataloga sesenta e tres escaleiras localizadas na cidade de Santiago de Compostela. Dende as primeiras que apareceron –e aínda se conservan– ata os exemplos que forman parte da arquitectura civil ou conventual e catedralicia ou as exteriores, pasando pola escaleira que hoxe non existe pero que forma parte da historia da cidade. 

O traballo compleméntase con imaxes, planos situacionais de cada unha das pezas, planos topográficos de época ou renders dalgunha das escaleiras máis destacadas, recursos todos eles que se poñen agora ao servizo do estudo da escaleira monumental na cidade de Santiago de Compostela.