Saltar ao contido principal
Xornal

Unha exposición na Igrexa mostra o material arqueolóxico máis salientable atopado no xacemento romano de Currás

Actualizada: 04-02-2016 14:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

En 1972 descubriuse na parroquia de Currás (Tomiño) un xacemento romano e altomedieval que foi obxecto de investigación do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. Os resultados da primeira fase dos traballos arqueolóxicos realizados en 2013 expóñense nunha mostra que este xoves 4 chega á Igrexa universitaria da USC.

Dirixida polo profesor de Arqueoloxía Fermín Pérez Losada e a profesora e investigadora Silvia González Soutelo, ambos da Universidade de Vigo, e coa colaboración dos investigadores Patricia Valle Abad e Martiño Vázquez Mato, a mostra contou coa participación de estudantes de arqueoloxía e historia do campus de Ourense, colaboradores locais e outros que axudaron no estudo dos materiais arqueolóxicos atopados neste xacemento.

Xunto coa explicación dos traballos realizados e unha breve historia deste enclave, a mostra presenta unha selección dos materiais arqueolóxicos máis representativos do xacemento, non só daqueles descubertos na última intervención levada a cabo en 2013 senón tamén dos xa recuperados en 1972 e que foron depositados na súa maioría no Museo Diocesano de Tui. A exposición complétase con medios audiovisuais e con actividades didácticas para escolares.

‘Tomiño Romano: o xacemento de Currás’ poderá visitarse ata o 11 de marzo de xoves a venres de 10.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas. Hai ademais a posibilidade de abrir a mostra para grupos con visitas previamente concertadas.

A inauguración da exposición tivo lugar nun acto no que participaron a vicerreitora de  Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a concelleira de Cultura e Asuntos Sociais de Tomiño, Cristina Martínez; os comisarios da mostra, Fermín Pérez e Silvia González; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Monterroso; e a decana da de Historia da UVigo, Susana Reboreda.