Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal promoven ante a UE a creación do Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable

Actualizada: 04-03-2016 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de Santiago forma parte do consorcio promotor do Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable (IBEROS) no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Para o seu desenvolvemento e posta en funcionamento, máis de 270 científicos promoven ante a UE a creación de IBEROS a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal co obxectivo de captar os 2,5 millóns de euros necesarios para a súa posta en marcha en 2020. O consorcio está liderado pola Universidade de Vigo, e integrada ademais polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e a Fundación Profesor Nóvoa Santos, ademais da Universidade Católica Portuguesa, a Universidade de Minho, o Instituto Superior de Engenharia do Porto e o Instituto Nacional de Engenharia Biomédica.

A bioenxeñería é unha disciplina recente que aplica os coñecementos da enxeñería e conceptos e métodos físico-matemáticos para analizar e resolver problemas relacionados coa saúde. Abarca desde novidosas técnicas de diagnóstico por imaxe e o deseño de próteses con biomateriais ata as terapias de medicina rexenerativa e os nanomateriais para sensores biomédicos. No caso do IBEROS, búscase aproveitar as capacidades de doce grupos de investigación de ambos os dous lados da fronteira cun enfoque especializado: a busca de solucións baseadas na bioenxeñería para problemas relacionados co envellecemento, unha prioridade de innovación común tal e como se recolle na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión (RIS3 Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal).

O obxectivo principal é xerar I+D+I de excelencia capaz de mellorar a calidade de vida e a saúde da poboación maior mediante solucións aplicables na Eurorrexión, pero tamén exportables a outros mercados. Neste marco, os investigadores traballarán en rede para obter resultados ao máis alto nivel internacional, ao tempo que se incrementan as capacidades científicas da Eurorrexión neste campo.

O proxecto presentado á UE contempla non só o desenvolvemento de proxectos coordinados e a captación, retención e formación de talento investigador, senón tamén a transferencia de resultados á contorna socioeconómica. Este último aspecto garante a conexión do coñecemento xerado cos problemas e necesidades aos que achega solucións, cubrindo así toda a cadea de valor.