Saltar ao contido principal
Xornal

Juan José Nieto ingresou na Real Academia Galega de Ciencias

Actualizada: 28-04-2016 11:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A conferencia do profesor Nieto levaba por título 'Matemáticas para a complexidade'. Foto: RAGC

‘Matemáticas para a complexidade’ foi a conferencia coa que o catedrático Juan José Nieto Roig ingresou como académico este mércores na Real Academia Galega de Ciencias, nun acto protocolario no que recibiu o diploma conmemorativo de mans do reitor Juan Viaño e a Medalla imposta polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos.

O profesor Juan José Nieto Roig (A Coruña, 1958) é catedrático de Análise Matemática e coordinador do grupo de investigación de Ecuacións Diferenciais non Lineares. Coordinou ou participou en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, nacional e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais que acumulan máis de 11.000 citas. Ademais figura na listaxe dos científicos altamente citados no eido das Matemáticas que elabora Thomson Reuters, nas edicións de 2014 e 2015. Segundo datos do ISI Web of Knowledge é o terceiro investigador máis citado a nivel mundial no campo das matemáticas.

A súa investigación céntrase principalmente no estudo das ecuacións diferenciais e as súas aplicacións.  Na actualidade é editor do Journal of Mathematical Analysis and Applications e do International Journal of Biomathematics. Entre 2002 e 2010 foi director do Instituto de Matemáticas da USC e dende 2007 é coordinador científico do nodo en Galicia do Instituto Español de Matemáticas. Ademais, no período 2009-2012 exerceu como editor-xefe da revista Nonlinear Analysis: Real World Application que naquela etapa ocupaba a sétima posición entre un total de 247 revistas na súa categoría.

A próxima incorporación como académico da RAGC será a do tamén catedrático da USC Juan Lema Rodicio.

 

Outras imaxes


O novo académico flanqueado polos reitor de Santiago e A Coruña e o presidente da RAGC. Foto: RAGC