Saltar ao contido principal
Xornal  »  Entrega de diplomas á oitava promoción de ESTALMAT Galicia

Entrega de diplomas á oitava promoción de ESTALMAT Galicia

O acto terá lugar este sábado na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 29-04-2016 14:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A oitava promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebra este sábado 30 o seu acto de despedida nunha sesión que se vai celebrar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 12:30 horas. Os 25 estudantes seleccionados (17 rapaces e 8 rapazas) proceden das catro provincias, 13 da Coruña, 7 de Pontevedra, 3 de Ourense e 2 de Lugo.

Presidida polo reitor da USC e presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan Viaño, o acto contará ademais coa presenza da vicedecana da Facultade de Matemáticas, Beatriz Pateiro López; da coordinadora xeral do proxecto, Elena Vázquez-Cendón; do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella; do deputado de Economía, Facenda, Contas e Réxime Interior da Deputación de Coruña, Antonio Leira Piñeiro; e da deputada de Economía, Facenda e Recadación Especial de Contas da Deputación de Lugo, Pilar García Porto.

Participa tamén a docente Mercedes Feijoo Díaz, os estudantes Carlota González Gil (Vigo) e Antón Mazaira López (Burela), e os representantes das familias Mª Carmen Rodríguez (Monforte) e Jesús Blanco (Cabana de Bergantiños), que farán unha semblanza dos dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia.

Previamente, a partir das 10:30 horas, os estudantes realizarán a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia guiada polo seu director, Javier García Tobío e asistido polos membros do seu equipo Pablo Rey, Fernando Bouzas e Mª José Rodríguez Malmierca.

Oitava promoción

Os 25 estudantes que agora rematan constitúen a oitava promoción de ESTALMAT-Galicia foron seleccionados en 2014 dun total de 298, 180 rapaces e 118 rapazas, procedentes na súa maioría das provincias da Coruña (158) e Pontevedra (98), seguidas de Lugo (27) e Ourense (15), tanto do ensino público (201) como privado (97).

Os estudantes foron seleccionados polas súas aptitudes matemáticas avanzadas, e asistiron durante dous anos ás actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas actividades impártense na Facultade de Matemáticas, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos (20 sábados cada curso), por un equipo docente de 50 profesores de matemáticas de centros de ensino medio e das tres universidades galegas, especialmente formados para este cometido e moi comprometidos co proxecto. O curso iníciase cun campamento matemático e, ademais das clases, prográmanse xornadas virtuais e concursos matemáticos conxuntos con proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas.

Os estudantes da 8ª Promoción serán convidados a participar o próximo curso no ESTALMAT PI-Galicia, que consta de 12 sesións máis.

Convocatoria 2016

Desde o 1 de maio ata o 27 de maio permanecerá aberto prazo de inscrición na proba de selección da convocatoria 2016, que terán lugar o vindeiro día 4 de xuño, dirixida a todos os rapaces e rapazas nacidos en 2003 e 2004, que destaquen pola súa destreza e gusto polas Matemáticas.

Esta actividade tamén está financiada pola Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt).