Saltar ao contido principal
Xornal  »  365 aspirantes para conformar a décima promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2016

365 aspirantes para conformar a décima promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2016

A proba de selección celébrase este sábado na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 03-06-2016 14:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto de grupo dos participantes na proba da novena edición, en xuño de 2015

Un por cada día do ano. No que supón un novo record, 365 estudantes de toda Galicia nacidos en 2003 e 2004 participan este sábado 4 nas probas de selección dos 25 estudantes da décima promoción do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas.  

Os participantes, 148 rapazas e 237 rapaces, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (225) e Pontevedra (100), seguidas das de Lugo (23) e Ourense (15), tanto do ensino público (240) como do privado (125) e de 69 localidades galegas diferentes. Con este número de inscritos o Proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos cinco últimos anos. Así, son xa máis de 2.800 os alumnos e alumnas que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos dez anos para facer a proba de selección. Deles, xa foron seleccionados 225 para participar no programa de talentos matemáticos.

Esta iniciativa trata de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. 

As probas
A proba, consistente na resolución de seis problemas de distinto tipo, celebrarase a partir das 9:45 horas na Facultade de Matemáticas cunha duración de dúas horas e 30 minutos. Durante a primeira parte, e para non interferir co traballo dos aspirantes, os seus familiares asistirán na Facultade de Bioloxía a unha sesión informativa sobre o proxecto Estalmat-Galicia que será impartida polo presidente do proxecto, o reitor Juan Viaño, e pola coordinadora xeral e tamén profesora do Departamento de Matemática Aplicada, Elena Vázquez Cendón.

Os organizadores fan un chamamento á responsabilidade dos familiares dos participantes para facilitar os movementos nos accesos á Facultade, pois a masa total de xente que se reúne é da orde 1000 persoas. 

A proba está coordinada pola profesora Vázquez Cendón e conta coa colaboración dos profesores Marina Germiñás, Victor Pollán, Julio Rodríguez, Jesús Calvo, Ángel Rodríguez Arós, Andrés Prieto e das profesoras Alicia Pedreira, Covadonga Rodríguez-Moldes, Rosana Rodríguez, Mercedes Feijoo ademais da axuda do equipo administrativo do proxecto Ana Paz e Manuel Porto.

As probas corríxeas de forma anónima un equipo de doce profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección é feita polo conxunto do comité. 

Estudantes seleccionados/as
A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados/as farase pública na páxina web do proxecto a partir do 16 de xuño. Os primeiros 25 rapaces e rapazas preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal na que deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do proxecto, que terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais en Estalmat Pi (12 sesións).  

O equipo docente que atende ao estudantado está formado por 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

ESTALMAT-Galicia
O proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte de ESTALMAT-España e conta co aval científico e económico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais; da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); da Fundación Española para a Ciencia e a Enxeñaría; das Deputacións da Coruña e Lugo e da infraestrutura e apoio xeral da USC e dun xeito especial da Facultade de Matemáticas. Este ano contou ademais co financiamento do Consello Social da USC.

O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática e da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).