Saltar ao contido principal
Xornal

A investigadora Noelia Casanova recibe o premio SUSCHEM Predoc Mestrelab

Actualizada: 13-06-2016 12:37 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A plataforma tecnolóxica de Química Sostible SusChem España concedeulle á investigadora do CiQUS da USC Noelia Casanova o premio Predoc-MestreLab 2016 ao mellor artigo científico publicado en 2015 por un/unha estudante de doutoramento.

O traballo, que publicou a revista Angewandte Chemie baixo o título “Rhodium-Catalyzed (5+1) Annulations Between 2-Alkenylphenols and Allenes: A Practical Entry to 2,2-Disubstituted 2H-Chromenes”(link is external), sitúase como un highly cited paper en Web of Science (está entre o 1% dos artigos máis citados da súa área no mesmo ano de publicación) e describe unha nova maneira de sintetizar derivados de cromenos utilizando sustancias de partida sinxelas e permitindo o uso de disolventes sen secar e ao aire.

A reacción procede a través dun proceso en cascada que implica a activación dun enlace C-H cun catalizador de Rh(III), a adición a un aleno e logo é seguido dun proceso de migración [1,7] de hidróxeno e un peche de anel mediante unha reacción electrocíclica.

O obxectivo dos Premios SusChem Novos Investigadores é recoñecer o labor de investigadores menores de 40 anos no ámbito da química en España mediante o apoio, promoción e estimulación da súa actividade científica e divulgativa.