Saltar ao contido principal
Xornal

Francisco Rivadulla, investigador do CiQUS da USC, obtén unha das 44 axudas ‘Proba de Concepto’ do Consello Europeo de Investigación

Actualizada: 08-07-2016 11:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Francisco Rivadulla é o investigador principal que coordinará a nova axuda do ERC. Foto: Andrés Ruíz

Francisco Rivadulla, investigador no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) foi recoñecido cunha das axudas PoC – Proof of Concept (Proba de Concepto) que concede o Consello Europeo da Investigación (European Research Council - ERC). Dotadas con 150.000 euros, a misión principal destas axudas é contribuir a salvar a fenda entre a investigación básica e o mercado, servindo de impulso nas primeiras fases de comercialización dun producto innovador.

A iniciativa premiada, coñecida como ANTS (A New Technology of microthermal Sensing for application in microcalorimetry)  conseguiu entrar na listaxe definitiva xunto a outros 43 seleccionados en toda Europa (5 en España) cunha proposta fundamental que emana dos resultados de investigación obtidos no marco du proxecto Starting Grant, financiado cun millón e medio de euros polo Consello Europeo de Investigación en 2010, e cuxos resultados xa foron patentados.

O obxectivo do proxecto ANTS é desenvolver un novo tipo de microsensor de temperatura de alta resolución temporal e espacial, baseado nun efecto magnetotérmico. Segundo explica o profesor Rivadulla, "as primeiras medidas xa permitiron determinar diferenzas de temperatura da orde dunha millonésima de grao a través de películas delgadas duns poucos nanómetros de espesor". "O que nos propoñemos agora -engade o doutor Rivadulla- é empregar esta resposta eléctrica como un sensor térmico ultrasensible".

Un aspecto de especial relevancia nesta proposta é que os elementos activos de detección están feitos dun único material, o que ofrece vantaxes importantes para a miniaturización cando se compara cos módulos Peltier clásicos que se empregan na actualidade; por outra parte, contan co valor engadido de que son sinxelos de fabricar cos medios de deposición física tradicionais, así como a través doutros procedementos fotolitográficos estándar xa dispoñibles.

Ao longo do novo proxecto PoC - Prueba de Concepto, os investigadores tratarán de optimizar esta resposta e deseñar un sistema capaz de medir variacións de temperatura moi pequenas –como as producidas nalgunhas reaccións químicas-, cunha boa resolución espacial e temporal. "O obxectivo é demostrar a viabilidade dun novo microsensor térmico para a súa aplicación nunha nova xeración de microcalorímetros, alén da tecnoloxía dispoñible a día de hoxe, e mellorando enormemente a súa resolución térmica, temporal e espacial", explica o investigador da USC.

O dispositivo proposto por ANTS pretende achegar unha ferramenta cuantitativa para determinar con maior precisión a enerxía involucrada en distintos procesos, o que permitirá a súa aplicación en múltiples áreas, dende o ámbito da catálise ata o estudo de interrelacións biolóxicas de interese como a interación proteína-proteína ou ADN-proteína.

Destinadas a abrir pontes entre investigación e mercado, coa concesión desta Proof of Concept o ERC confirma a súa aposta pola actividade científica da USC e pecha o seu ciclo de axudas, cuxa función esencial é financiar liñas de investigación de alto risco mediante o apoio a proxectos na fronteira do coñecemento, co obxectivo de que permitan abrir novas ou inesperadas oportunidades de aplicación tanto social como comercial. Para a presentación do proxecto de proba de concepto o profesor Rivadulla contou co apoio do Área de Valorización, Transferencia e Emprendimiento da USC (AVTE) que conta cunha ampla experiencia na preparación de proxectos para este tipo de programas.


Outras imaxes


Imaxe dun dispositivo deseñado no CiQUS durante o proxecto financiado polo ERC. Foto: Andrés Ruíz