Saltar ao contido principal
Xornal  »  Un libro editado pola USC ensina as particularidades das enfermidades infecciosas a través da arte

Un libro editado pola USC ensina as particularidades das enfermidades infecciosas a través da arte

Actualizada: 27-07-2016 12:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Portada do volume

Os libros de historia encargáronse de lembrar que os Reis Católicos tomaron Granada a finais do século XV ou que Napoleón fracasou na campaña para invadir Rusia algo máis de tres séculos despois. Posteriormente, a microbioloxía e a parasitoloxía engadiron a estes apuntamentos históricos que o tifo estivo presente en ambos acontecementos, retrasando a toma do reino andaluz, no primeiro caso, ou contribuíndo a minguar o exército francés no segundo. Son dúas anécdotas que poñen en evidencia como o relato dos máis grandes fitos da historia do ser humano corre parello á evolución dalgúns dos máis pequenos integrantes da vida: os virus, bacterias, parasitos ou fungos capaces de desencadear unha enfermidade infecciosa e mudar o rumbo da historia.

En ambos casos tamén se pon de manifesto como dous contextos aparentemente independentes, o da historia e o da bioloxía conflúen contribuíndo a un mellor coñecemento da realidade. “Todo está relacionado”, asegura a profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía Ángeles Muñoz Crego quen, xunto aos tamén profesores do mesmo departamento Isabel Santos Rodríguez e Rafael Seoane Prado, asinan o libro Infect-arte: aprende las enfermedades infecciosas a través del Arte. Trátase dunha obra interactiva que busca xuntar con amenidade “dous mundos independentes” e divulgar a través de preto dun cento de obras de arte, dende a época dos exipcios ata a actualidade, as enfermidades infecciosas ao tempo que reivindicar que “convivimos con todo tipo de microbios, a maioría beneficiosos; a Microbioloxía está presente no noso día a día”.

A edición dixital realizada polo Servizo de Publicacións da USC está elaborada con vocación transversal e achegando un documento no que prima a interactividade. Neste senso, engaden a modo de exemplo os autores, ao paso do rato por riba dunha imaxe despréganse unha serie de datos nos que se describe o contexto da obra ou, no seu caso, ampliar algún detalle concreto e comparalo cunha imaxe real. Non obstante, o continente ponse á disposición da razón de ser da iniciativa: divulgar as particularidades das enfermidades infecciosas a través da historia da arte. Os seus autores defíneno como unha obra de divulgación para o público en xeral e con valor transversal, xa que “con este libro o estudantado de Ciencias da Saúde poderá aproximarse a arte recoñecendo a enfermidade infecciosa plasmada polo artista”, ao tempo que “o estudantado de arte poderá completar e mellorar os seus coñecementos sobre as obras mostradas”.

Os docentes de Microbioloxía e Parasitoloxía aproveitaron o feito de que estas enfermidades, pola preocupación e incidencia social que espertaron en distintos momentos históricos, son fonte de inspiración e repertorio temático recurrente das obras artísticas de distintas épocas. Tomando en consideración que “a arte sempre conectou coa sociedade” e que cada obra foi un altofalante que retrata distintos aspectos de realidades sociais históricas, Ángeles Muñoz subliña como a preocupación por cuestións de saúde pública non foron alleas a esa tendencia. A peste e a lepra, dúas das patoloxías máis retratadas xunto coa tuberculose, convértense en protagonistas de múltiples cadros en boa medida porque “eran enfermidades estigmatizantes que non se sabían afrontar”. A súa representación aparece asociada en múltiples casos a santos ou iconografía relixiosa xa que “a relixión xogaba un papel importante nos procesos de curación”.

A presenza de enfermidades infecciosas en distintas épocas avaliadas deixa tamén un apuntamento en forma de advertencia porque a pesar dos constantes avances no ámbito sanitario “as patoloxías asociadas a virus ou bacterias, atópanse lonxe de ser algo superado”. Os autores da obra non dubidan en advertir: “os antibióticos están deixando de funcionar”. Ademais, enfermidades como cólera, tifo ou a difteria constitúen unha cuestión problemática cuxa manifestación está asociada na actualidade a situación catastróficas ou a determinadas tendencias. A modo de exemplo lembra como a difteria recentemente tense mostrado como mortal en ausencia das oportunas vacinas. Tamén a polio, non erradicada totalmente xa que en países como Pakistán ou Afganistán  impídese a vacinación.

Conclúen os docentes que as enfermidades infecciosas “seguen sendo un reto” e poden manifestarse en calquera momento asociadas a procesos de cambio climático, catástrofes naturais ou a grandes movementos demográficos.


Outras imaxes


Detalle dunha das páxinas da obra coa información que se mostra