Saltar ao contido principal
Xornal  »  A décima promoción de Estalmat-Galicia inicia as súas actividades

A décima promoción de Estalmat-Galicia inicia as súas actividades

Son oito rapazas e dezasete rapaces seleccionados de entre 339 de toda Galicia

Actualizada: 26-09-2016 11:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Oito rapazas e dezasete rapaces conforman a décima promoción do Proxecto Estalmat-Galicia de estímulo do talento matemático en rapaces de 12 a 15 anos. Este sábado 24 na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC acudiron xunto ás súas familias ao acto inaugural que presidiu o reitor Juan Viaño, presidente de Estalmat-Galicia. Na mesa presidencial tamén estiveron a vicedecana da Facultade, Beatriz Pateiro López; a coordinadora xeral de Estalmat-Galicia, Elena Vázquez Cendón; ademais dos representantes dos patrocinadores principais do proxecto; do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoiro López; e do representante do profesorado de ensino medio implicado no proxecto, Xosé Díaz. A presentación desta décima promoción realizouna a coordinadora académica e secretaria do comité organizador de Estalmat-Galicia, Marina Gemiñás Miguéns.

Logo desta sesión inaugural, os 25 alumnos e alumnas partiron cara o campamento matemático que se desenvolveu durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Vilarmaior na Coruña, como primeira toma de contacto entre eles nun ambiente lúdico-matemático.  Entre as novidades deste curso, o alumnado traballará con omnipoliedros (combinación de cinco poliedros regulares desenvolvida didacticamente por Pedro Puig Adam). Ademais participarán nun concurso de fotografía matemática e traballarán cos exemplares da unidade didáctica María Wonenburguer: unha científica adiantada ao seu tempo, proporcionados pola Secretaría Xeral de Igualdade. Nesta primeira actividade acompañaranos o responsable do campamento, o profesor Víctor Pollán, a responsable de Relación coas Familias, Covadonga Rodríguez-Moldes, e Barbara Rodríguez Presedo e Marina López Seoane, integrantes da cuarta promoción, así como un equipo de promotores.

Estalmat 2016
Os 25 integrantes da nova promoción son os/as seleccionados/as na proba de selección celebrada o pasado mes de xuño e na que participaron 339 estudantes de toda Galicia nacidos en 2003 e 2004. Os participantes, 197 rapaces e 142 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (214) e Pontevedra (91), seguidas de Lugo (19) e Ourense (15), tanto de ensino público (223) como do privado (116). Nesta mesma proporción, a nova promoción procede principalmente da Coruña (15) e Pontevedra (7) ademais dos dous representantes lucenses e un ourensán.

Dende a súa implantación, Estalmat-Galicia examinou na Facultade compostelá a máis de 2.800 estudantes con grande interese polas matemáticas, e destes superaron o proceso de selección 250 estudantes con potencial talento matemático.

Durante o curso, o grupo seguirá un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do proxecto Estalmat-España, que dende 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illes Baleares. As sesións celebraranse na Facultade de Matemáticas nas mañás de vinte sábados do curso. A finalidade é detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Ademais, Estalmat-Galicia mantén o programa Estalmat Pi, dirixido a manter o contacto dous anos máis con actividades impartidas noutros doce sábados do curso.

Estalmat-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e o CSIC e conta co apoio financeiro da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT). O proxecto en Galicia está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e conta co apoio da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo.