Saltar ao contido principal
Xornal

Menonitas de Arxentina conservan a súa identidade xenética orixinal, de cinco séculos de antigüidade

Un equipo da Unidade de Xenética da USC constata a identidade xenética orixinal dos integrantes dunha comunidade menonita arxentina a través da análise do seu xenoma

Actualizada: 09-11-2016 13:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Antonio Salas, da Unidade de Xenética, é un dos investigadores que lidera este traballo

Algo máis de 2,1 millóns de persoas en todo o mundo conforman a comunidade menonita -en España preto de 400 persoas- unha rama da igrexa cristiá que deriva do movemento anabaptista e que, na súa vertente máis conservadora, reivindica o papel central da Biblia como guía e o illamento como vía para manterse afastados de todo aquilo que puideran considerar pecado, na súa acepción bíblica. Coas súas orixes no século XVI en Europa central e Holanda na época da reforma protestante, a comunidade menonita escindiuse da amish a finais do século XVII, momento a partir do que se inicia un intenso e constante ciclo de movementos migratorios que levarían a esta comunidade cara Ucraína, así como cara Canadá, Estados Unidos ou América do Sur.

Investigadores da Unidade de Xenética da Facultade de Medicina da USC corroboraron por vez primera a incidencia desta filosofía de illamento a través dunha análise xenómica que publica Scientific Reports, do grupo Nature. O traballo conclúe que a comunidade menonita emprazada en Arxentina, concretamente na congregación de ‘La Nueva Esperanza’, preservou a súa identidade xenética orixinal, que se remonta a máis de 500 anos no centro de Europa. A constatación logrouna un equipo que lidera o xenetista Antonio Sala Ellacuriaga e o grupo do profesor Federico Martinón Torres, xefe do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e no que tamén participa Jacobo Pardo-Seco, todos eles vinculados ao Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, en colaboración co Laboratorio Pricai de Bos Aires que lidera Ulises Toscanini, colaborador habitual do grupo compostelán.

A pesar de que estas poboacións peregrinaron por diversos países e mesmo continentes de maneira máis ou menos continuada ao longo dos últimos tres séculos e do contacto con moitas outras poboacións coas que puideron terse mesturado, “o certo é que o seu ADN non mostra evidencias de ter experimentado ningún tipo de cruzamento con poboacións locais”, conclúe Antonio Salas. A resolución xenética do estudo é tal que “permite ademais descartar que os menonitas teñan podido hibridarse, non só con poboacións de ancestralidade nativa americana e africana, tan común no continente americano, senón tamén con outras poboacións de orixe europeo”, engade o investigador da Facultade de Medicina.

O estilo de vida da comunidade menonita contribuíu a que os seus xenomas presenten síntomas dunha endogamia máis elevada que as poboacións coas que conviven, o que en opinión dos científicos “ podería explicar unha maior prevalencia de determinadas enfermidades nestes grupos”, como por exemplo de microcefalias, cardiomiopatías, fenilcetonuria, síndrome de Troyer ou morte súbita, entre outros, así como de mutacións xenéticas.

O estudo de grupos poboacionais espazo –culturalmente illado- “é interesante por varios motivos: son unha especie de laboratorio in vivo para o estudo da xenética de poboacións, que ademais permite entender a dinámica relacionada coa variabilidade do ADN nas persoas e os seus axentes causais”. Por outra banda, engade Salas, “este tipo de poboacións fai posible desenvolver investigacións biomédicas que resultan máis complexas en grupos poboacionais máis heteroxéneos, é dicir, é máis sinxelo atopar o axente causal dunha enfermidade nun grupo máis illado que nunha poboación hibridada”. Máis alá do valor xenético do estudo, o doutor Federico Martinón lembra que “aos investigadores clínicos interésanos abordar o problemas de saúde dunha forma ampla”, polo que a xenética de poboacións como a menonita “axúdanos a entender a variabilidade xenética que pode estar detrás da enfermidade humana”.

Para este estudo, realizouse un xenotipado masivo de marcadores xenéticos distribuído ao longo de todo o xenoma. En concreto, realizáronse 600.000 marcadores en menonitas que participaron voluntariamente no estudo. Os marcadores analizáronse xunto con información xenética obtida a partir de miles de individuos cuxos perfís xenéticos son accesibles en grandes reservorios públicos como o proxecto ‘1000 Genomas’. En conxunto, o desenvolvemento do traballo esixe “un enorme esforzo computacional e de análise de datos, o que require, por exemplo, o uso de supercomputadores como os que achega o Centro de Supercomputación de Galicia” engade Antonio Salas, “son recursos fundamentais para quen traballamos no mundo da xenómica, xa que sen eles, sería imposible manexar semellante cantidade de datos”.

Aplicacións forenses
As aplicacións deste estudo van máis alá das estritamente clínicas. Como explica Salas Ellacuriaga, no mundo da xenética forense é moi importante coñecer cómo é a poboación na que se sitúa a casuística, xa sexa no ámbito da filiación ou da criminoloxía, porque disto “dependerá a valoración estatística dos casos de paternidade, identificación ou outros”. Como membro do Instituto de Medicina Legal dende 1994, Antonio Salas destaca a importancia do impacto que a sub-estrutura poboacional ten na pericia forense, “absolutamente todas as pericias forenses hai que contextualizalas no marco dunha determinada poboación, porque dá información necesaria para valorar o peso estatístico da proba, para establecer qué probabilidade hai en relación a, por exemplo, un caso de paternidade ou de agresión sexual ou nunha identificación”.

O traballo sobre a xenómica das poboacións menonitas engádese a outro previo igualmente pioneiro para analizar o cromosoma Y de menonitas. Este cromosoma compórtase de maneira diferente ao resto do xenoma porque hérdase de pais a fillos varóns. Neste senso, os autores apuntan que “foi interesante comprobar que as conclusións derivadas de ambos traballos independentes son coincidentes”.

 

Ligazóns relacionados:

Outras imaxes


Traxectoria das migracións dos menonitas en Europa. Foto: Scientific Reports

Movementos migratorios dos menonitas no continente americano. Foto: Scientific Reports