Saltar ao contido principal
Xornal

A Facultade de Filoloxía crea un seminario de formación e innovación para estudantes de mestrado

Actualizada: 22-11-2016 12:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Facultade de Filoloxía da USC inicia esta semana as actividades do Seminario de Formación e Innovación para os seus estudantes de Mestrados (SEFORIN). Trátase dun espazo de encontro e intercambio científico no que a través de mesas redondas, obradoiros e conferencias se achegarán innovacións metodolóxicas transversais ou relacionadas cos contidos e competencias das distintas titulacións de posgrao que se ofertan no centro. Algunhas das actividades estarán tamén abertas a estudantes de grao e de doutoramento, así como a outros membros da comunidade universitaria.

SEFORIN inicia a súa actividade coa celebración dunhas xornadas internacionais, que dan comezo este martes 22 de novembro coa participación da profesora da Universidade Nacional de Rosario (Arxentina) Beatriz Taboada no obradoiro ‘Desafíos metodolóxicos e tendencias de investigación na análise de libros de texto’. Xa o xoves 24, o profesor da Autónoma de Madrid Jesús Romero Trillo ofrecerá o segundo obradoiro, que responde ao título ‘Current issues in the pragmatic-prosodic interface of discourse markers’. A estes seguiranlles outros dous en decembro, un de paleografía medieval o día 1 a cargo de Pilar Rodríguez Suárez e Mercedes Vázquez Bertomeu, de dehistoria. Historia, Cultura, Patrimonio, e outro sobre gamificación no cine o día 16 impartido polo profesor da Universidade de Sevilla Luis Navarrete Cardero.

Completan a axenda destas primeiras xornadas dúas conferencias este mes. ‘Las ediciones romances del Wiktionary’ é o título da que pronunciará o xoves 24 o profesor da Universidade de Vigo Carlos Valcárcel Riveiro, e ‘A construción do mito Goethe no mundo hispano: Os falsos estereotipos’ o do día 28 a cargo de Francisco M. Mariño Gómez, da Universidade de Valladolid.

As I Xornadas Internacionais SEFORIN están coordinadas pola Comisión de Títulos de Mestrado da Facultade de Filoloxía, na que participan os mestrados en Estudos da Literatura e da Cultura, en Estudos Medievais Europeos: Imaxes, Textos e Contextos, o Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións e o Interuniversitario en Lingüística Aplicada, ademais do Erasmus Mundus en Lexicografía e o Mundus Crossways in Cultural Narratives, os dous únicos mestrados Erasmus Mundus que se ofertan na actualidade na USC.