Saltar ao contido principal
Xornal  »  Aberta ata o día 30 a inscrición no congreso internacional ‘A presenza feminina na escritura: voces de mulleres na Idade Media’

Aberta ata o día 30 a inscrición no congreso internacional ‘A presenza feminina na escritura: voces de mulleres na Idade Media’

Actualizada: 11-01-2017 14:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Máis de 60 investigadores de todo o mundo daranse cita entre os días 1 e 3 de febreiro en Santiago para tratar a relevancia social e literaria que adquiriron as mulleres, especialmente a partir do século XII. A inscrición no congreso internacional ‘A presenza feminina na escritura. Voces de mulleres na Idade Media’, recoñecida cun crédito ECTS para estudantes de grao da USC e como actividade formativa do doutoramento en ‘Estudos Medievais’, remata o 30 deste mes.

A investigación sobre a importancia da muller medieval foi tradicionalmente marxinada nos estudos clásicos, supeditada á maior transcendencia histórica dos varóns. Non obstante, existen mulleres de diferente condición que ocuparon unha posición relevante e que contaron cunha produción literaria, artística ou filosófica que aínda non experimentou unha valorización positiva nin un interese semellante ao suscitado polos homes. Por esta razón, co encontro proponse analizar a feminidade xenética e/ou textual, presente tanto nos textos literarios como na documentación medieval. Estudaranse, en particular, voces femininas relevantes como Marie de France ou Christine de Pizan e presentaranse recursos dixitais de referencia sobre os estudos das voces de mulleres na Idade Media, tanto desde o punto de vista histórico como literario.

A reunión científica, cuxo comité organizador dirixe a profesora da USC Esther Corral Díaz, enmárcase dentro do proxecto de investigación ‘Voces de mujeres en la Edad Media Románica: realidad y ficción (siglos XII-XIV)’ (MINECO-FFI-2014-55628-P) e, ademais de dar cabida a relatorios impartidos por especialistas de referencia no ámbito internacional, ofrecerá un foro de difusión para a presentación de comunicacións do persoal investigador das áreas dos estudos humanísticos.