Saltar ao contido principal
Xornal

Unirisco Galicia entra no accionariado de Tastelab e impulsa o crecemento da primeira firma española de tecnoloxía sensorial

Actualizada: 01-02-2017 14:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Ángeles Romero, Santiago López, José Luis Villaverde e Maruxa García, membros do consello de administración de TasteLab

A entrada da sociedade de capital risco impulsada pola USC e especializada no financiamento de de empresas de base tecnolóxica Unirisco Galicia no accionariado da spin of universitaria TasteLab favorece e impulsa o crecemento da primeira empresa de tecnoloxía sensorial de España. TasteLab é unha firma fundada en 2015 por un equipo integramente feminino que orienta so seus servizos á mellora da competencia dos seus clientes a través do estudo dos produtos e dos consumidores desde un punto de vista innovador.

 
O grupo de investigación de Análise Sensorial, Avaliación Nutricional e Desenvolvemento de Novos Alimentos da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC, un equipo que conta con máis de 20 anos de experiencia na aplicación da análise sensorial e o desenvolvemento de novos produtos alimentarios, apoiou desde o principio o nacemento de TasteLab promovendo a transferencia de todo o coñecemento acumulado a esta nova firma, na que a USC tamén participa como socio.
 
A incorporación de Unirisco Galicia ao grupo de socios e accionistas de Tastelab encaixa entre os obxectivos desta sociedade de capital risco, que ten por finalidade a promoción de novas empresas que aproveiten o coñecemento xerado pola USC, a través de operacións de inversión temporal no seu capital ou mediante outros instrumentos financeiros, sempre baixo criterios de rendibilidade e creación de emprego.
 
Logo do éxito obtido con Innolact e AMS Lab, Unirisco Galicia volve inverter nunha empresa auspiciada e nada en Lugo, como é o caso TasteLab, coa pretensión de impulsar o crecemento desta firma de base tecnolóxica, así como a creación de novos postos de traballo, ademais de contribuír ao desenvolvemento da tecnoloxía que permita dar o salto ao mercado internacional, poñendo recursos económicos a disposición do proxecto empresarial.
 
O proceso de entrada de Unirisco Galicia no capital de TasteLab comezou a mediados de 2016 coa análise de viabilidade do proxecto desta empresa de tecnoloxía sensorial e continúa agora coa sinatura do acordo cos accionistas, un documento no que se define o volume da inversión, os prazos e garantías ou, os acordos de des inversión, entre outros.
 

Unirisco Galicia e TasteLab agardan que a suma de sinerxías permitirá acadar que TasteLab se consolide como empresa referente en análise sensorial para as industrias alimentarias, cosméticas e farmacéuticas.