Saltar ao contido principal
Xornal  »  Comeza unha nova edición de Spin Way, o Camiño do emprendemento

Comeza unha nova edición de Spin Way, o Camiño do emprendemento

A inscrición pode formalizarse ata o 28 de abril

Actualizada: 20-03-2017 13:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Spin Way é un programa internacional que combina a tradición do Camiño de Santiago co talento, axudando a novos emprendedores universitarios a poñer en marcha as súas empresas a través dunha vivencia única que pon a proba a resistencia, coñecemento e capacidade de cooperación dos/as participantes. O programa acaba de abrir o prazo de inscrición, que se pode formalizar na web ata as 14.00 horas do 28 de abril.

Trátase dunha iniciativa aberta a estudantes de último ano de grao, de doutoramento ou posgrao nalgunha universidade da rexión iberoamericana que teñan un modelo de negocio que destaque polo seu elevado grao de innovación e potencial de crecemento, forte orientación ao mercado e alto impacto social, ambiental e económico nas comunidades onde se desenvolve.

A USC en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de la Juventud para Iberoamérica (OIJ) e o Instituto de Juventud (INJUVE) impulsan esta edición 2017 de Spin Way. A inscrición é gratuíta e os participantes terán cubertos os seus gastos de aloxamento e manutención durante o desenvolvemento do programa. Adicionalmente, o OIJ brindará apoio económico para o desprazamento a España das persoas seleccionadas que viaxen dende América Latina. A finais do mes de maio, o día 24, coñecerase o listado provisional dos cen proxectos preseleccionados ao que lle seguirá un período de mentorización en liña do 5 ao 14 de xuño. O listado provisional de finalistas coñecerase o 20 de xuño. Xa no mes de setembro está previsto o obradoiro preparatorio e a realización do treito do Camiño.

As cen candidaturas seleccionadas nesta edición recibirán axuda dun mentor persoal para mellorar o modelo de negocio proposto e recibirán feedback de alto valor engadido para o proxecto de emprendemento. Entre estas propostas elixiranse tamén as candidaturas finalistas que viaxarán a Santiago de Compostela para vivir a aventura Spin Way do 7 ao 11 de setembro.