Saltar ao contido principal
Xornal  »  A Aula ‘Maricastaña’ de Ourense abre este martes o XXIII Festival de Teatro Universitario no Auditorio Gustavo Freire

A Aula ‘Maricastaña’ de Ourense abre este martes o XXIII Festival de Teatro Universitario no Auditorio Gustavo Freire

A actuación da compañía ourensá, que representará a obra ‘A última cornixa do mundo’, comeza ás 21.00 horas. A entrada é libre e de balde

Actualizada: 20-03-2017 15:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Intervención teatral da compañía USC-Lugo na presentación do XXIII Festival de Teatro Universitario

A Aula de Teatro Universitaria ‘Maricastaña’ de Ourense abre este martes, a partir das 21.00 horas, a quenda de representacións do XXIII Festival de Teatro Universitario no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, o escenario no que presentará a obra ‘A última cornixa do mundo’ e polo que pasarán ata o 27 de marzo seis das sete compañías teatrais universitarias convidadas a participar no certame lugués para presentar as súas respectivas dramaturxias.  

 

A formación ourensá abrirá o pano deste festival cunha creación baseada na obra orixinal 'Océano mar', de Alessandro Baricco, e dirixida por Fernando Dacosta. A compañía independente Krilajo, dirixida por José María Tubío, presentará o día seguinte no vestíbulo do auditorio municipal, ás 19.00 horas, a peza 'A vontade do pobo'. De seguido desta representación, a Aula de Teatro da UDC, dirixida por Rubén Rubial, porá en escena 'O Home do saco' (6 pezas breves), de Juan Mayorga.

 

A compañía de teatro USC-Lugo dirixida por Paloma Lugilde estrea o 24 de marzo a peza ‘Paz Perpetua’, de Juan Mayorga,  cun pase matinal aberto á estudatantes de centros de secundaria que o soliciten, a partir das 12.00 horas, e dous máis ás 18.00 e 21.00 horas. Antes da última sesión, o lugués Lucas Chao, acompañado de Néstor Rubio, estudantes da Real Escola de Arte Dramática de Madrid (Resad), presentará ás 19.00 horas no vestíbulo do 'Gustavo Freire' o microproxecto 'Apnea'.

 

O foco teatral mudará o 25 de marzo ao Hotel Torre de Núñez, onde a compañía de teatro El Mayal, da Universidade de León, representará, ás 20.00 e 22.00 horas, 'Hotel las Vegas', baixo a dirección de Javier de la Varga. Un encontro aberto ao público co actor Ernesto Arias no auditorio da Casa do Saber capitalizará a programación do festival de teatro universitario do 26 de marzo.

 

O XXIII Festival de Teatro Universitario de Lugo botará o pano o día 27 no auditorio Gustavo Freire, onde Xoán Laxe presentará, a partir das 20.45 horas, o estudo do taller de interpretación desenvolvido no campus de Lugo. Ao seu remate, a compañía de teatro USC-Santiago, dirixida por Roberto Salgueiro, levará a escena a obra 'Cousas que trouxo a chuvia'.

 

A compañía teatral luguesa Yazabro pechará tamén este martes as intervencións en espazos da cidade, unha actividade complementaria do XXIII Festival de Teatro Universitario, con dúas actuacións matinais nos escaparates das librarías Biblos (11.00 horas) e Trama (12.30 horas).