Saltar ao contido principal
Xornal  »  As universidades galegas asinan coa Consellaría un acordo para planificar a oferta académica universitaria en Galicia

As universidades galegas asinan coa Consellaría un acordo para planificar a oferta académica universitaria en Galicia

Actualizada: 21-03-2017 09:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita Julio Abalde, Juan Viaño, Alberto Núñez, Salustiano Mato e Román Rodríguez. Foto: Xunta

Os reitores das tres universidades galegas e o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria asinaron este luns o acordo que define os principios da planificación da oferta académica universitaria no Sistema Universitario Galego (SUG) ata o curso 2020-2021. No acto protocolario presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, interviñeron os reitores Juan Viaño, Julio Abalde e Salustiano Mato e o conselleiro Román Rodríguez.

Como se recolle no documento asinado, a administración autonómica e as universidades galegas “ entenden necesario coordinarse para establecer unhas liñas e criterios que permitan unha ordenación do sistema de maneira racional e acorde coas necesidades da nosa comunidade”. Así, o acordo contempla como principios básicos da ordenación universitaria a planificación conxunta da oferta do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e o mantemento do tamaño deste sistema, punto este último que require “unha reflexión sobre a oferta actual e futura” dos títulos universitaria.

Ademais, dentro do apartado sobre os requisitos esixibles ás memorias de verificación das novas titulacións, as universidades comprométense a observalos de xeito estrito incluíndo: a xustificación da demanda baseada en evidencias, dos perfís profesionais a cubrir e as competencias a desenvolver, e da relación coa contorna social; a participación de axentes externos na concepción e desenvolvemento do título; e as prácticas garantidas para o alumnado.

En canto ás prioridades para os novos graos e máster do SUG, terase en conta que o obxectivo do sistema universitario é a excelencia e a modernización da oferta educativa, “polo que as novas propostas deben aproveitar a competencia das universidades galegas para o desenvolvemento e actualización da oferta académica, prestando atención a novas oportunidades e novos perfís profesionais para sacar partido das fortalezas das universidades no eido económico e investigador”. Estas prioridades pasarían pola implantación de novas titulación en campus non centrais en aplicación do contido do artigo 7 da Lei 6/2013 do SUG e polas titulacións que encaixen na especialización dos respectivos campus.

No acordo defínense ademais os criterios que se observarán para o recoñecemento do carácter singular de determinadas titulacións de grao. Estes deberán ser imprescindibles para a formación dos recursos humanos especializados que permitan dar cobertura ás necesidades do sistema educativo non universitario da comunidade; ter unha estrita vinculación coa especialización do campus no que se imparte e constituír unha parte esencial das liñas estratéxicas desa especialización; os estudos da lingua galegos; e estar estritamente vinculados aos sectores considerados estratéxicos pola Xunta de Galicia.

En virtude deste acordo, a consellaría competente fomentará a oferta de títulos de grao interuniversitarios entre as universidades do SUG ou entre estas e universidades de fóra do sistema. Esta medida apicarase preferentemente a títulos duplicados ou cunha alta porcentaxe de solapamento en contidos e materias.

“Se non somos capaces de xuntar os nosos recursos, cada un de nós seguirá chegando o primeiro ao seu destino, pero xamais lograremos chegar máis lonxe” aseverou o reitor compostelán, para quen este acordo fixa as liñas que delimitan o terreo no que as tres universidades galegas “temos que plasmar todo o noso talento docente e investigador”.