Saltar ao contido principal
Xornal  »  Nutrición e deporte, a debate na Facultade de Ciencias

Nutrición e deporte, a debate na Facultade de Ciencias

As xornadas sobre nutrición deportiva promovidas por Adinu Galicia reúnen máis de 80 participantes no Campus Terra da USC

Actualizada: 21-04-2017 10:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes nas xornadas sobre nutrición deportiva organizadas por Adinu Galicia na Facultade de Ciencias

A relación entre a nutrición e o deporte e as particularidades que presenta unha axeitada nutrición deportiva centran este venres unhas xornadas promovidas pola Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu Galicia) na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC e nas que participan arredor de 80 persoas, na súa maioría estudantes e titulados do grao en Nutrición Humana e Dietética.

 

O coordinador do título de grao en Nutrición Humana e Dietética, Jesús Antonio Casabiell Pintos; o presidente de Adinu Galicia, Jesús Fernández Cruces, e a secretaria da asociación, Marina Perejón, foron os encargados de abrir este foro monográfico sobre nutrición deportivo nunha breve sesión de benvida, trala que todos os asistentes tiveron a ocasión de compartir un almorzo saudable.

 

A directora técnica da Federación Galega de  Atletismo e psicóloga do deporte, Madó González, abriu a quenda de intervencións de foro cunha intervención sobre psicoloxía como axuda ergoxénica no deporte. As diferentes necesidades asociadas a cada disciplina deportiva centrará, de seguido, a charla que ofrecerá Javier Prieto, director deportivo co círculocultural mercantil de Vigo.

 

A dietista e nutricionista deportiva e clínica Paloma Quintana abordará neste foro cuestións relativas á xestión da alimentación en competicións de longa duración. A planificación nutricional no deportista será o eixe temática da intervención do experto en nutrición deportiva Ricardo Estévez López. Os parámetros bioquímicos do deportista e as modificacións corporais no deportista lesionado serán aspectos sobre os falarán Fernando Rodríguez Sánchez e Tania Fernández García.

 

Esta xornada sobre nutrición deportiva rematará con dúas intervencións sobre nutrición no fútbol non profesional e a realidade da dieta do deportista, temas sobre os que falarán Francisco Barreiro Buceta e Ricardo Estévez López.

 

Outras imaxes


Mesa inaugural da xornada