Saltar ao contido principal
Xornal  »  O consorcio europeo TRANS-INT conclúe en Santiago o proxecto ‘Novos nanomedicamentos orais: transporte de macromoléculas a través da barreira intestinal’

O consorcio europeo TRANS-INT conclúe en Santiago o proxecto ‘Novos nanomedicamentos orais: transporte de macromoléculas a través da barreira intestinal’

O proxecto achega importantes avances no uso da nanotecnoloxía para desenvolver novas terapias orais de interese para a diabete, a obesidade e outras patoloxías

Actualizada: 21-04-2017 12:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O consorcio europeo TRANS-INT desenvolve a vindeira semana en Santiago a reunión final do proxecto ‘Novos nanomedicamentos orais: transporte de macromoléculas a través da barreira intestinal’ que ten por obxecto o estudo integral da interacción de determinados nanomateriais co tracto gastro-intestinal tras a súa administración oral.

Na xuntanza, que inaugurará o reitor Juan Viaño o luns 24 ás 9.00 horas no Salón de Actos do Edificio Docente Roberto Novoa Santos do CHUS, participarán ata o 26 de abril máis de 50 investigadores ademais de representantes da Comisión Europea e, como convidados e asesores externos, o doutor J. Hanes, da Johns Hopkins University (USA), e Felipe Casanueva, do CHUS.

A coordinadora do proxecto é a Universidade de Santiago de Compostela a través do laboratorio que dirixe a profesora María José Alonso, orientado á nanomedicina. Con ela traballou tamén o grupo de investigación que dirixe o profesor da USC Carlos Diéguez, ambos os dous no CIMUS.

O estudo que agora conclúe permitiu avaliar o potencial dos nanomateriais como transportadores de biomoléculas terapéuticas, péptidos e proteínas a través da mucosa intestinal. Os avances logrados permiten deseñar estratexias terapéuticas que poderían ser de interese no tratamento sistémico de enfermidades como a diabete, a obesidade ou a dor, así como o tratamento local de enfermidades intestinais inflamatorias.