Saltar ao contido principal
Xornal

Filoloxía e Humanidades celebran a festividade de San Isidoro

A facultade compostelá conmemora os 25 anos do traslado ao edificio do Burgo e o centro lugués rende homenaxe ao profesor xubilado Luis Miguel Fernández

Actualizada: 26-04-2017 15:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Autoridades presentes no acto celebrado en Humanidades co gallo da festividade de San Isidoro

As facultades de Filoloxía, en Santiago de Compostela, e Humanidades, en Lugo, celebran este mércores diversos actos co gallo da festividade do seu patrón, San Isidoro de Sevilla, unha efeméride coa que o centro compostelán tamén conmemora os 25 anos do seu traslado ao actual edificio no Burgo.

 

A mesa redonda ‘25 anos despois’ reúne este mércores, a partir das 17.30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, as decanas e decanos que rexeron o centro entre 1990 e 2017, coincidindo coa conmemoración do 25 aniversario do traslado desta Facultade dende Mazarelos ata o actual edificio do Burgo.


Moderados pola actual decana María José López Couso, na mesa intervirán Isabel González Fernández (1990-1992), Emilio Montero Cartelle (1993-2000), Mercedes Brea López (2000-2004) e Ernesto González Seoane (2004-2012). A sesión continuará co recoñecemento do centro ao alumnado que recibiu o premio extraordinario fin de grao e fin de máster no curso pasado 2015-2016. Os premiados son Miguel Giadás Quintela, Erea Blanco Balvís, Iria Isabel Pin Moros, Laura Arribas González, Paula Cousillas Pena, Sara Pajón Soto, Raquel Rivas Cabanelas e Paula Cadaveira López. A sesión rematará coa actuación musical de Alba María, alumna do centro.

 

Humanidades reivindica o seu cometido social no día do patrón

A Facultade de Humanidades tamén celebrou este mércores un acto conmemorativo co gallo da festividade de San Isidoro de Sevilla, no marco do que distinguiu ao profesor Luis Miguel Fernández Fernández coa insignia do centro universitario lugués, ao tempo que se formalizou a entrega dos premios extraordinarios de fin de carreira aos titulados e tituladas que remataron a súa formación de grao e posgrao coas cualificacións máis altas.

 

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, abriu esta sesión conmemorativa, no marco do que a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, fixo un alegato a prol da importancia da formación humanística e do importante cometido social que cumpren as Humanidades. González Rey salientou asemade na súa intervención a intensa actividade científica e académica que se desenvolve no centro universitario lugués, ao tempo que fixo especial fincapé no crecente grao de internacionalización que está a experimentar a Facultade de Humanidades de Lugo, “un centro permanentente aberto á sociedade”, dixo.

 

O voceiro do goberno municipal do Concello de Lugo, Miguel Fernández, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón, tamén participaron nesta celebración universitaria, no marco da que o profesor homenaxeado co gallo da súa xubilación, Luis Miguel Fernández Fernández, ofreceu un relatorio baixo o título ‘Un mito entre dos aniversarios. Don Juan no cine e a televisión’.

 

A entrega dos premios extraordinarios de fin carreira aos estudantes de grao e posgrao que completaron o pasado curso os estudos o curso pasado con mellor expediente académico serviu de colofón deste acto. Tamara López Fernández e Erea Linares García recibiron o recoñecemento como graduadas da última promoción do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural con mellor expediente académico, do mesmo xeito que Laura Arribas García, quen tamén completou o curso pasado o grao de Lingua e Literatura Españolas. Manuel Rial Santos recibiu tamén o recoñecemento por ter acreditado o mellor expediente académico da última promoción titulada no Máster en Servizos Culturais da USC.




Outras imaxes


Fernández recolle a insignia da Facultade de Humanidades da man de Carme Silva

Alumnos da Facultade de Humanidades agasallados cos premios extraordinarios no curso 2015-16