Saltar ao contido principal
Xornal  »  Os diplomas á novena promoción de ESTALMAT-Galicia entregáronse este sábado en Matemáticas

Os diplomas á novena promoción de ESTALMAT-Galicia entregáronse este sábado en Matemáticas

O prazo para a nova convocatoria xa está aberto

Actualizada: 08-05-2017 10:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

9ª promoción de Estalmat-Galicia

A novena promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia para ESTímulo do TALento MATemático celebrou este sábado en Matemáticas o seu acto de despedida. A sesión presidiuna o reitor da USC e presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan Viaño, e contou coa presenza do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; da secretaria xeral da Igualdade, Susana López; do alcalde de Ortigueira e deputado provincial da Coruña, Juan Penabad; da coordinadora xeral do Proxecto ESTALMAT-Galicia, Elena Vázquez-Cendón, e de membros do equipo docente.

Xunto coas autoridades, no acto interviñeron tamén o profesor José Angel Docobo, os estudantes María Rodríguez Domínguez (Vigo) e Tomás García Barreiro (Sada) e Carmen Costas Manzanares (A Coruña) en representación das familias. Ademais, para evidenciar a relación entre a música e as matemáticas, un grupo de estudantes da novena promoción preparou por sorpresa unha interpretación que sorprendeu a todo o público. O acto rematou coa entrega de diplomas e imposición de becas.

Previamente, os estudantes visitaron o supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) guiados polo seu director, Javier García Tobío, e asistido polos membros do seu equipo, Fernando Bouzas e Mª José Rodríguez.

Novena promoción
Os 25 estudantes (15 rapaces e 10 rapazas) que agora rematan foron seleccionados en 2015 dun total de 323 –180 rapaces e 143 rapazas– procedentes na súa maioría das provincias da Coruña (180) e Pontevedra (98), seguidas de Lugo (27) e Ourense (18), tanto do ensino público (243) como privado (80).

O grupo, que poderá participar o próximo curso no ESTALMAT PI-Galicia, asistiu todos os sábados durante dous anos na Facultade de Matemáticas ás actividades de proxecto adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. O curso iníciase sempre cun campamento matemático e, ademais das clases, prográmanse xornadas virtuais e concursos matemáticos conxuntos con proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas. 

O equipo docente estivo conformado por 50 profesores de matemáticas de centros de ensino medio e das tres universidades galegas, especialmente formados para este cometido e moi comprometidos co proxecto.

Décimo aniversario
Para celebrar o seu décimo aniversario, ESTALMAT-Galicia está a organizar diversas actividades, entre elas un encontro con todo o equipo docente, técnico e egresados e egresadas que tivo lugar en marzo e no que os máis novos propuxeron unha xornada con actividades matemáticas e lúdicas cos 250 mozos e mozas seleccionados durante estes dez cursos, que terá lugar o próximo 15 de xullo.

Convocatoria 2017
O prazo de inscrición para a proba de selección da convocatoria 2017 –que será o 3 de xuño– permanece aberto ata o 26 de maio e diríxese a quen nacera nos anos 2004 e 2005 e destaque pola súa destreza e gusto polas matemáticas.

O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT).


Outras imaxes


Foto de grupo dos participantes no encontro do equipo docente, técnico e egresados de Estalmat-galicia celebrado o 24 de marzo