Saltar ao contido principal
Xornal

Charla dunha investigadora brasileira no ILG sobre as perífrases de xerundio de aspecto cursivo no portugués

Actualizada: 19-05-2017 10:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A investigadora da Universidade Federal do Rio de Janeiro Quezia dos Santos Lopes, que está a realizar unha estadía de investigación no ILG da USC, ofreceu esta mañá nese centro unha charla sobre perífrases de xerundio no portugués do Brasil.

O estudo investiga, baixo a óptica dos modelos baseados no uso e do modelo de construcionalización e cambio construcional proposto por Traugott & Trousdale (2013), o proceso de formación das perífrases de xerundio marcadoras de aspecto cursivo, especificamente as constituídas polos auxiliares ir, vir, ficar e estar. Avalía tamén a historia desas construcións ao longo de súa existencia na lingua. Tales obxectivos oriéntanse polas hipóteses de que todos os verbos que co ocorren co xerundio seguiron a traxectoria de construcionalización da perífrase estar + xerundio na lingua portuguesa e de que a perífrase verbal estar + xerundio está máis avanzada no proceso de cambio construcional do que aquelas cos outros verbos, o que é evidenciado polo seu carácter altamente gramatical e pola súa marcación aspectual neutra, como é demostrado pola literatura corrente sobre o asunto.

Para este traballo foron analizadas mostras de textos escritos dos séculos XIII ao XX que forman parte dun banco de datos organizado por Torrent (2009) e comprende textos do portugués arcaico, antigo e moderno. Os datos foron analizados segundo algunhas categorías lingüísticas entre as que están o tipo semántico do verbo principal das perífrases, a natureza do suxeito que ocorre con elas e a presenza de material interveniente entre auxiliar e verbo principal, entre outras. Tales factores serven para evidenciar alteracións nos niveis de esquematicidade, productividade e composicionalidade de cada unha delas, conforme o modelo de Traugott & Trousdale (2013) e, con iso, revelar a súa formación e cambio.

Ademais, preténdese ollar para o galego nesta pescuda para encontrar, na base do portugués, explicacións para o fenómeno en análise. Para a investigadora “é evidente, porén, que o galego que deu orixe ao portugués xa non é o mesmo que encontramos hoxe en Galicia. Esta lingua avanzou naturalmente no seu proceso de cambio lingüístico, mentres que o portugués brasileiro se afastou moita dela co pasar dos anos. No entanto, un ollar comparativo para o estadio actual desas linguas pode revelar padróns que ocorren en ambas, o que apuntaría cara a procesos lingüísticos típicos do galego-portugués”.

Ao final do traballo, a investigadora responde as hipóteses levantadas, atestando o que a literatura afirma sobre a natureza gramatical da perífrase con estar, e presenta un esquema representativo de construcionalización e cambio construcional de aspectualización cursiva no portugués con perífrases de xerundio.