Saltar ao contido principal
Xornal  »  Tres alumnos da Facultade de Ade do Campus Terra, finalistas do torneo nacional interuniversitario Talent Match do Grupo Hotusa

Tres alumnos da Facultade de Ade do Campus Terra, finalistas do torneo nacional interuniversitario Talent Match do Grupo Hotusa

David Vila, Iago Vilarín e Borja Pértega defenden esta fin de semana en Madrid as súas propostas innovadoras para un novo concepto de hotel diante dos demais finalistas

Actualizada: 19-05-2017 14:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Iago, Borja e David, na Facultade de Ade de Lugo

Os alumnos de cuarto curso do grao en Administración e Dirección de Empresas na Facultade de Ade do Campus Terra da USC David Vila Álvarez, Iago Vilarín Gayoso e Borja Pértega Alonso, participan esta fin de semana en Madrid na fase nacional do concurso Talent Match, unha iniciativa de carácter interuniversitario promovida polo Grupo Hotusa, líder mundial en servizos turísticos e hostaleiros, que está ideada como un espazo para a xeración de ideas focalizadas na resolución dun reto: revolucionar o universo hoteleiro co desenvolvemento dunha proposta innovadora.

 

David Vila, Iago Vilarín e Borja Pértega accederon á fase final desta competición interuniversitaria logro de proclamarse gañadores da fase do concurso Talent Match do Grupo Hotusa desenvolvida na USC, na que os estudantes participantes tiveron que mergullarse na realidade empresarial co desenvolvemento dun novo concepto hoteleiro. 

 

Nesta primeira edición de Talent Match participaron, ademais de alumnos da USC, estudantes universitarios de de distintos centros españois, como o son a Universidade Alfonso X O Sabio, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, a Escola Superior de Hostalaría de Barcelona, a Universidade Abat Oliba CEU, a Escola Universitaria Real Madrid -Universidade Europea-, a Universidade Rei Juan Carlos, a Universidade daCoruña e o Institut Químic de Sarrià.

 

Os tres alumnos alumnos lugueses que representarán á USC na fase nacional do Talent Match do Grupo Hotusa implicaronse neste proxecto a iniciativa da profesora Miriam Gómez Barreiro, que imparte a materia de Promoción Comercial na Facultade de Ade do Campus Terra da USC. Así, logo de conformarse como equipo, David, Borja e Iago participaron ao longo do presente curso en diversas sesións de traballo para desenvolver diferentes ideas e propostas, que logo defenderon nunha presentación oral ante un xurado formado por persoal responsable de selección de recursos humanos do Grupo Hotusa.

 

Logo de superar con éxito a primeira fase do certame Talent Match do Grupo Hotusa, David, Borja e Iago deberán presentar e defender a súas propostas esta fin de semana en Madrid no marco dun Open Day, unha sesión na que competirán cos autores dos mellores proxectos presentados en cada un dos centros que tomou parte nesta iniciativa do Grupo Hotusa. Este workshop permitirá aos candidatos seleccionados participar nunha sesión de formación que incluirá xornadas de traballo que lles axudarán a mellorar  e desenvolver os seus proxectos.

 

O equipo que resulte gañador na  final nacional do concurso Talent Match do Grupo Hotusa recibirán como agasallo estancias de balde nos hoteis Eurostars, ademais de gozar da posibilidade de participar nun plan profesional en Grupo Hotusa.