Saltar ao contido principal
Xornal  »  Catorce proxectos de investigación con participación da USC recibirán 4,5 millóns de euros dos programas POCTEP e Espazo Atlántico

Catorce proxectos de investigación con participación da USC recibirán 4,5 millóns de euros dos programas POCTEP e Espazo Atlántico

Actualizada: 19-05-2017 13:28
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Catorce proxectos nos que participan diferentes grupos de investigación da USC recibirán máis de 4,5 millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da UE (FEDER), logo dun rigoroso proceso de selección no que se aprobaron un total de 177 candidaturas. As axudas proceden do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) e do Programa Interreg V-B Espazo Atlántico.

POCTEP
No cadro do programa POCTEP, focalizado no desenvolvemento integrado da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a USC participará en nove propostas. Concretamente, dúas delas foron promovidas directamente pola USC: Nutriage, centrada no envellecemento saudable a través da nutrición, e Geoarpad, enfocado na aplicación de tecnoloxías dixitais ao patrimonio colectivo cultural. Os outros proxectos seleccionados por este programa son NANOeaters (de transferencia de nanotecnoloxía á PEME innovadora), CÓDIGOMÁIS (innovación en saúde), MIGRA-MIÑO-MINHO (conservación de peixes migradores), Res2ValHum (valorización de residuos orgánicos), IBEROS (Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable), CVMar+i (innovación industrial en biotecnoloxía mariña), LACES (creación de emprego e empresas de economía social) e Clúster Bio Transfronteirizo, este último participado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE).

Espazo Atlántico
Pola súa banda, os cinco proxectos aprobados polo programa Espazo Atlántico son ALERTOX-NET (liderado por un grupo de investigación da Facultade de Veterinaria), MyCOAST, CleanAtlantic, CEPHS, SFs & CHEFS e COCKLES. Os consorcios formados arredor destas candidaturas abordarán diversos desafíos en ámbitos como os sistemas de alerta de toxicidade en produtos mariños, oceanografía operacional, seguimento do lixo mariño, sustentabilidade das pesquerías de cefalópodos e restauración da cría de berberecho nas rexións atlánticas.

Socios
Nestas iniciativas están representadas entidades de distinta natureza e sector de actividade, dende administracións ata empresas, nun entorno de cooperación tanto a nivel económico como social entre as diferentes rexións de Galicia e do norte de Portugal, no caso de POCTEP, así como tamén de Irlanda do Norte e dalgunhas áreas de Inglaterra e Francia, no caso de Espazo Atlántico.