Saltar ao contido principal
Xornal  »  A área de Xestión Académica da USC renova a súa certificación de calidade

A área de Xestión Académica da USC renova a súa certificación de calidade

Actualizada: 19-05-2017 14:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os servizos de Xestión Académica e de Xestión da Oferta e Programación da USC veñen de renovar a súa certificación conforme á norma ISO9001:2008. A certificación foille entregada este venres en San Xerome á secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro, polo director xeral en Galicia de AENOR, Martín Pita. O acto presidiuno o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, responsable da área de calidade da USC e nel participaron tamén os responsables dos servizos hoxe recoñecidos, José Luis Braña, Josefa Recalde e Catuxa Lombao.

A Universidade de Santiago de Compostela adquiriu un claro compromiso coa implantación de sistemas de calidade a través dos sistemas de garantía dos centros e da propia USC e a través de sistemas de xestión, mediante distintas certificacións como é o caso da ISO:9001 que hoxe se renova e “coa que se avala o bo facer dos servizos de Xestión Académica e de Xestión da Oferta e Programación Académica”, dixo Consuelo Ferreiro, ao que habería que engadir a Oficina de Análise de Reclamacións, que xestiona un dos procesos certificados, o relativo a queixas, suxestións e reclamacións.

O vicerreitor Pereira lembrou que foi en 2005 cando estes servizos se certificaron por primeira vez, supoñendo este fito un punto de inicio “a partires do que seguir mellorando os procesos dos que son responsables, e que pertencen ao eixo central da actividade universitaria”.

Na área que hoxe é novamente recoñecida pola súa calidade xestiónanse procesos tan relevantes para a actividade universitaria como a admisión e matrícula de estudantes ou a planificación académica anual. “Este é o mellor exemplo do compromiso da nosa institución coa xestión eficaz dos recursos de acordo cos estándares establecidos, pero sempre tendo en conta a quen nos debemos”, dixo.