Saltar ao contido principal
Xornal  »  345 estudantes participaron nas probas de selección para a 11ª promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2017

345 estudantes participaron nas probas de selección para a 11ª promoción do proxecto ESTALMAT-Galicia 2017

Actualizada: 05-06-2017 10:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Posando cos omnipoliedros (combinación dos 5 poliedros regulares) construidos pola décima promoción de Estalmat-Galicia nun campamento en setembro de 2016

Para celebrar os dez anos do proxecto Estalmat-Galicia, 345 estudantes de toda Galicia nacidos en 2004 e 2005 participaron este sábado nas probas de selección dos 25 estudantes da 11ª promoción do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas, no que é un novo récord de participación. Con este número de inscritos ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 5 últimos anos. Son así xa máis de 3.200 os alumnos que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos dez anos para facer a proba de selección. Deles, xa foron seleccionados 250 para participar no programa que identifica e estimula o talento matemático.

A proba, consistente na resolución de seis problemas, celebrouse na Facultade cunha duración de 2 horas e 30 minutos e mentres que os rapaces e rapazas a facían os familiares asistiron en Bioloxía a unha sesión informativa a cargo do presidente do proxecto e reitor da USC, Juan Viaño, e pola coordinadora xeral do mesmo, a tamén profesora do Departamento de Matemática Aplicada Elena Vázquez Cendón.

A organización da proba estivo coordinada por Elena Vázquez e contou coa colaboración das profesoras Marina Germiñas, Covadonga Rodríguez-Moldes, Pilar García Agra, Miriam Mosquera, Teresa Otero, Sandra Díaz, e dos profesores Enrique de la Torre, Victor Pollán, Gaspar Antelo, Julio Rodríguez, Ángel Rodríguez Arós, Andrés Prieto, Pablo González y Rafael Fernández e coa axuda do equipo técnico do proxecto Ana Paz e Manuel Porto.

Seleccionados
A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) a partir do 16 de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades, que terán lugar na Facultade de Matemáticas, en sesións de 3 horas, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais, Estalmat Pi (12 sesións). 

O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico e económico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT, Proxecto FCT-16-11110), das Deputacións da Coruña e Lugo, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas.

Entre as entidades colaboradoras están a Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA), a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e a Fundación USC Deportiva.