Saltar ao contido principal
Xornal  »  Homenaxe ao catedrático Anxo Tarrío Varela no Centro Ramón Piñeiro

Homenaxe ao catedrático Anxo Tarrío Varela no Centro Ramón Piñeiro

Actualizada: 16-06-2017 14:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Con motivo da xubilación do catedrático da USC Anxo Tarrío Varela, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades organizou este venres un acto homenaxe de quen tamén foi director da súa Área de Literatura durante dúas décadas. Ademais da laudatio realizada polo director da Real Academia Española, Darío Villanueva, no marco deste acto entregouselle ao homenaxeado  o primeiro exemplar do volume Sobre letras e signos. Estudos en Homenaxe a Anxo Tarrío Varela, no que participan máis de medio cento de docentes e persoal investigador de toda Galicia, do resto de España e de diversos puntos de Europa con amplos e rigorosos artigos que conforman unha obra de preto de oitocentas páxinas.

O reitor Juan Viaño presidiu a sesión, que conduciu o secretario do centro, Armando Requeixo, e na que tamén participaron o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o director científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel Gonzaléz, así como representantes de diversas institucións.

Alumno, titulado e docente na USC, “atopámonos ante un universitario que dende que entrou a formar parte do cadro de persoal docente e investigador da USC e durante 43 anos comprometeuse de cheo coa docencia, a investigación e a xestión”, lembrou Viaño. “Grazas a profesores, a mestres como Anxo Tarrío, a Universidade de Santiago puido acadar e manter a consideración internacional da que hoxe gozamos en moitos ámbitos do saber”.

O reitor completou a súa intervención cun amplo relatorio das responsabilidades e iniciativas impulsadas polo profesor Anxo Tarrío na súa etapa universitaria tanto en Lugo como en Santiago. Promotor da Universidade Nocturna coa Deputación de Lugo e subdirector do Colexio Universitario lugués, “faise difícil cuantificar o número de actividades, conferenciantes, congresos, sesións de teatro independente organizadas no Colexio co obxectivo de darlle visibilidade e animar a estudantes, docentes e investigadores”, destacou o reitor. As iniciativas realizadas naqueles anos, “fixeron posible, xunto a outras posteriores, que hoxe Lugo conte cun campus potente pois partía dunha materia prima que se creou nos anos setenta con profesores entusiastas como Anxo Tarrío”.

Xunto esta vertente, Juan Viaño aludiu igualmente ao seu compromiso coa lingua e literatura galegas no que se iniciará “moi pronto, compaxinando, durante anos, o seu traballo como profesor de Lingüística Xeral, Lingua Española, Literatura española e Teoría da Literatura con traballos divulgativos e de investigación sobre literatura galega”.


Outras imaxes