A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais organizará o martes 20 unha conferencia
conmemorativa do Día Mundial das Persoas Refuxiadas e Desprazadas e na que Mireille Twayigira dará
conta do seu relato persoal. A partir das 18.00 horas no Salón de Graos desta Facultade, Twayigira
pronunciará a conferencia ‘De refuxiada ruandesa a doutora médica en Malawi’.
Mireille Twayigira vive no campo de refuxiados de Dzaleka en Malawi. Xunto coa súa familia,
cando tiña dous anos fuxiu do xenocidio que se estaba producindo en Ruanda, iniciando así un
periplo de fuxidas constantes que os levou por Burundi, República Democrática do Congo, Angola ou
Zambia e durante o cal faleceron os seus pais. En Malawi iniciou estudos de primaria e
posteriormente foi seleccionada para poder ir a unha escola fóra do campo de refuxiados no que
vivía onde completou a súa educación secundaria, sendo das seis mellores estudantes de todo Malawi.
Posteriormente, Mireille Twayigira conseguiu ir a China, onde na Universidade de Jinan
estudou Medicina, graduándose en xullo de 2016. Actualmente vive en Dzaleka onde vive coa súa
familia e traballa como médica no Queen Elisabeth Central Hospital.