Saltar ao contido principal
Xornal  »  Dous docentes da Universidade de Santiago, únicos representantes do sur de Europa nun seminario da rede EOE

Dous docentes da Universidade de Santiago, únicos representantes do sur de Europa nun seminario da rede EOE

Uxío Otero e Vicente Blanco, do Campus Terra, asistirán este mes en Plymouth ao XVI Seminario Europeo do Instituto de Educación en Aventura ao Aire Libre e Aprendizaxe Experimental

Actualizada: 19-06-2017 14:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Estudantes e profesores británicos e españois en Cabana Verónica (Picos de Europa)

Os profesores do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (Daen), que imparte a USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra, Vicente Blanco Mosquera e Uxío Otero Urtaza participarán a finais de mes na cidade británica de Plymouth na decimosexta edición do Seminario Europeo do Instituto de Educación en Aventura ao Aire Libre e Aprendizaxe Experimental (EOE).  Blanco e Otero son os dous únicos profesores do sur de Europa que participarán do 28 de xuño ao 2 de xullo neste foro, no que toman parte importantes investigadores do Reino Unido, norte e centro de Europa, Australia e Estados Unidos e que nesta edición leva por título ‘Atmósferas ao aire libre e Narrativas: Conectar a mocidade ao mundo’.

 

As diferentes sesións programadas no marco deste seminario permitirán afondar no estudo das narrativas que se constrúen cando se experimenta o mundo dos grandes espazos naturais, os seus elementos estéticos e sensoriais, considerando tanto os elementos románticos, como críticos, artísticos e cognitivos. O obxectivo deste foro pasa por “co-construír” novas formas de pensar sobre a práctica ao aire libre, engadindo “atmosferas e narracións” que xeren curiosidade e novidade, permitindo enriquecer as prácticas ao aire libre da mocidade. Búscase así incidir en narrativas de poder e inclusión arredor de temas de xénero, diversidade e opresión que inflúen directamente en asuntos de xustiza social e ambiental.

 

Vicente Blanco e Uxío presentarán no marco deste seminario dous relatorios: un sobre as posibilidades de realizar no barrio do Carme de Lugo unha acción educativa que permita a súa mellora ambiental e comunitaria e tamén un proxecto educativo para a recuperación da lagoa de Coeses. A segunda das propostas que exporán estes dous profesores do Campus Terra da USC analiza os traballos que se presentaron no máster entre 2012 e 2016, en relación directa coa temática do seminario.

 

O EOE ten a súa sede na universidade de Marburg (Alemaña) e está presidido polo profesor Chris Loynes da Universidad de Cumbria. O campus lucense tomou contacto con esta organización na súa conferencia celebrada en Laugar Sælingsdal (Islandia) entre o 3 e 7 de setembro de 2014, e desde entón manteñen reunións periódicas, por medio de actividades do máster e do grupo de investigación Edunartex, que pertence á rede RINEF CISOC. O pasado mes de maio un grupo de profesores e estudantes conviviron varios días en Potes, nos Picos de Europa, con estudantes e profesores da citada universidade británica de Cumbria.