Saltar ao contido principal
Xornal  »  Centros da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames representarán a Galicia na fase estatal do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’

Centros da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames representarán a Galicia na fase estatal do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’

Actualizada: 19-06-2017 14:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os proxectos gañadores da sétima edición do concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ recaeron en centros da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames. Todos eles, que coñeceron esta mañá na Facultade de Matemáticas o ditame, representarán a Galicia na VII Fase Nacional do concurso a celebrar en Oviedo do 28 ao 30 de xuño.

Na categoría 1º e 2º da ESO o gañador foi o traballo ‘Por qué á miña nai non lle gusta o chocolate branco?’ do CPI San Vicente da Baña e titorizado por Paula Blanco. Houbo ademais mencións especiais para ‘O Mundo, a casa de todos’, do IES número 1 de Ribeira e con Trinidad Pazos e Olga Simón como titoras, e ‘¿Hai máis alérxicos no século XXI?’, do Colexio Apostol Santiago e Isabel Hernández como profesora responsable.

Entre os traballos de 3º e 4º da ESO mereceu o galardón o proxecto ‘Amigos si, pero… a vaquiña polo que vale?’ do CPI As Revoltas e titorizado por Milagros Dieguez.

Xa na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio, o gañador foi ‘Machismo na sociedade ¿Somos realmente as novas xeracións menos machistas?’ do Colexio Alca (Ames), con Mónica Fandiño como titora. Houbo tamén unha mención especial para ‘Como é o consumo de produtos transxénicos na sociedade?’ do mesmo colexio e titorizado por José María Villarino.

O concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ convócao a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (Sgapeio) coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Estatística.

O xurado desta sétima edición estivo presidido por Tomás Cotos Yáñez , vicepresidente da SGAPEIO, sendo secretaria Mª Jesús Casado Barrio, do IES Daviña Rey de Monforte de Lemos. Como vogais actuaron Concepción Miguele Arrizado, do Instituto Galego de Estatística; Indalecio Cabana Leira, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, do IES de Mugardos; e Mª José Ginzo Villamayor, da USC e membro da actual executiva da SGAPEIO.