Saltar ao contido principal
Xornal  »  Un equipo do Campus Terra da USC acada en Croacia a segunda praza no III Campionato Internacional de Dirección de Proxectos

Un equipo do Campus Terra da USC acada en Croacia a segunda praza no III Campionato Internacional de Dirección de Proxectos

O novo éxito da USC consolida o máster en Dirección de Proxectos da EPS como referente internacional na formación e xestión de proxectos

Actualizada: 19-06-2017 13:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O directivo de IPMA Jesús Martínez Almela, segundo pola esquerda, cos alumnos da EPS que participaron no campionato internacional de dirección de proxectos

O equipo do máster en Dirección de Proxectos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC integrado por Joaquín Abadín, Iván Adrio, Raico Álvarez e Patricia Fernández vén de proclamase subcampión da terceira edición do Campionato Internacional de Dirección de Proxectos, un certame celebrado os días 9 e 10 de xuño na localidade croata de Brijuni.

 

O equipo formado por estes catro alumnos de posgrao na Escola Politécnica Superior da USC que representaron a España neste torneo internacional, apoiado por IPMA (International Project Management Association) e a súa sección para a mocidade, IPMA Young Crew, clasificáronse en segunda posición, tan só por detrás do combinado Serbio, logo de completar as probas programadas con maior puntuación que os representantes de Alemaña, Croacia, Finlandia, Italia e Lituania.

 

A delegación do Campus Terra da USC accedeu á fase final do torneo internacional tras proclamarse campión de España nas probas celebradas a finais de marzo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas da Universidade Politécnica de Madrid. Nesta fase nacional, os estudantes da Escola Politécnica Superior de Lugo superaron os equipos representantes de BPMSat, Universidade de Valladolid, Universidade Europea Miguel de Cervantes, Escola de Enxeñarías Industriais de Badaxoz, Escola Superior de Enxeñaría da Universidade de Cádiz e a Universidade Politécnica de Madrid, que participou con dous equipos.

 

Posgrao de referencia

O novo éxito do alumnado do máster en Dirección de Proxectos da USC consolida este posgrao oficial como referencia a nivel nacional e internacional no ámbito dos estudos na xestión de proxectos. Cómpre lembrar neste senso que o alumnado deste máster do Campus Terra da USC estivo presente entre os tres primeiros clasificados das  tres fases internacionais que xa se levan celebrado deste certame.

 

A comisión académica do máster apostou nestes anos por incentivar a participación do seu estudantado en competicións de carácter nacional e internacional, ao estimar que este tipo de accións constitúen un incentivo engadido para o alumnado do máster, ao tempo que motiva para a adquisición das competencias do título e outorga unha maior visibilidade desta oferta formativa de posgrao alén do territorio español.

 

Deste xeito, ademais deste certame, os alumnos do máster concorren á competición internacional GeCCo (eCollaboration Global), na que o pasado ano o estudante José Mario Mora Marich formou parte do equipo gañador. Asemade, cada ano un estudante do máster seleccionado pola comisión académica acude ao Congreso Internacional de Dirección e Enxeñaría de Proxectos organizado por AEIPRO, o que lle posibilita acceder ao concurso de premios Aeipro aos mellores traballos fin de máster. Nesta mesma liña atópanse os Premios Carlos Álvarez, outorgados pola propia comisión académica deste posgrao oficial aos mellores traballos finais.

 

Os logros xa conseguidos polo alumnado do máster en Dirección de Proxectos da USC certifican que a formación recibida confire as destrezas e competencias precisas para abordar problemas complexos en el ámbito da xestión de proxectos, ao tempo que lles garante a posibilidade de exercer a súa actividade profesional nun contexto internacional.

 

Un posgrao maduro e de interese para o SUG

O grao de madurez acadado xa polo máster en Dirección de Proxectos de la USC, que no vindeiro curso 2017-18 chegará á súa décima edición, esperta un grande interese dentro da oferta do Sistema Universitario Galego. De feito, o cadro docente deste posgrao oficial, en cuxo financiamento tamén colabora a Deputación Provincial de Lugo, inclúe profesores das tres universidades galegas, ademais doutros relatores de prestixio, segundo indicou o coordinador do máster, o profesor Carlos Amiama Ares.

 

A calidade da oferta formativa tradúcese tamén nunha demanda sustentable de estudantes. Daquela, cabe sinalar que nestes intres xa hai 18 alumnos procedentes de países de fóra do Espazo Europeo de Ensino Superior diversas (Palestina, Ecuador, Brasil, El Salvador, China, Paquistán, Venezuela, Perú,..) interesados en formalizar a súa matrícula para a próxima edición deste posgrao, que cada ano ofrece 5 prazas para este perfil de alumnado.