Saltar ao contido principal
Xornal  »  Un traballo da USC acada o primeiro premio á mellor tese doutoral no ámbito da tecnoloxía educativa

Un traballo da USC acada o primeiro premio á mellor tese doutoral no ámbito da tecnoloxía educativa

Actualizada: 29-06-2017 10:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Almudena Alonso defendeu recentemente a súa tese en Ciencias da Educación

A tese de doutoramento de Almudena Alonso Ferreiro ‘Competencia dixital e escola. Estudo de caso etnográfico en dous CEIP de Galiza’ resultou gañadora do I Premio á Mellor Tese Doutoral no ámbito da Tecnoloxía Educativa outorgado pola Rede Universitaria de Tecnoloxía Educativa (RUTE).

A tese, dirixida por Adriana Gewerc, do Grupo de Investigación Stellae, busca describir, coñecer e comprender os procesos de apropiación que se producen nos centros educativos de Galicia a raíz das disposicións legais do currículo da educación primaria (Decreto 130/2007), especialmente aquelas referidas á competencia dixital. Na súa investigación Almudena Alonso atopou elementos disruptivos que mobilizan aos actores escolares, “o que favorece o cuestionamento sobre a propia práctica, aínda que sen chegar a xerar una transformación da mesma”.

O traballo supón un marco de reflexión en torno á competencia dixital na escola, cunha revisión actualizada dos retos a nivel macro, meso e micro na integración das tecnoloxías dixitais nos centros educativos. A xa doutora reclama e expón nel unha proposta de regulación “que ampara e dignifica o traballo do Coordinador TIC no sistema educativo galego e que supón un punto de encontro entre teoría e práctica”.

O premio entregouse a pasada semana na Universidade de Burgos coincidindo co XXV Aniversario das Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE).