Saltar ao contido principal
Xornal  »  A USC recoñece os 597 estudantes coas mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade

A USC recoñece os 597 estudantes coas mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade

Actualizada: 30-06-2017 19:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Fronte 597 “mozos e mozas excepcionais” e as súas familias, o reitor Juan Viaño abriu este venres ao acto de recoñecemento da USC ao estudantando que acadou unha puntuación definitiva de nove ou superior na parte xeral das Probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade na convocatoria de xuño de 2017. Neste auditorio, “xuntamos a maior cantidade de talento imaxinable; de talento e de esforzo nun momento das vosas vidas onde vos queda todo por facer. Un momento onde tedes o futuro que quedades por acadar”.

“Non só sodes excepcionais polas vosas cualificacións”, engadiu Viaño, senón “porque estas non fan máis que reflectir anos de traballo e de dura aprendizaxe”. O reitor identificou como causas do resultado acadado “o esforzo, talento e dedicación”, así como o apoio das familias a quen atribuíu parte do mérito recoñecido neste acto e a profesionalidade dos docentes e mestres “que se esforzaron porque chegarades aquí”.

Sen ocultar que “para a Universidade de Santiago de Compostela sería unha verdadeira honra contar convosco, poder formarvos, ensinarvos o que facemos” e “medrar convosco” o reitor animou ao medio millar de alumnos presentes a que “construades o voso futuro como profesionais, pero sobre todo como cidadáns comprometidos” e a ter “sempre presente de onde vides”.

No Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia déronse cita 597 estudantes de 179 centros de ensino medio de toda Galicia, un total de 347 rapazas e 250 rapaces que acudiron acompañados dos seus familiares e de representantes dos centros nos que cursaron o Bacharelato. Nesta sesión interviñeron David Montoto Pintos, do IES de Cacheiras, en representación do alumnado; do director do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Carlos Ferreiro  González, en nome dos centros; e o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios. O alumnado recibiu un diploma, en recoñecemento ao seu esforzo co desexo de que manteñan a mesma liña de traballo en cursos vindeiros.

Completarán a mesa presidencial as vicerreitoras de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes; de Comunicación e Coordinación, Rosa Crujeiras; de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; e de Servizos Universitarios, Mª do Carme Silva; o delegado do reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella; e o coordinador do programa A Ponte do Campus de Lugo, Javier López González.

 

Outras imaxes