Saltar ao contido principal
Xornal

Inaugúranse os cursos de verán de lingua e cultura española para estranxeiros, con estudantes de tres continentes

A catedrática da Universidade Nacional de Taiwán e tradutora ao chinés das obras de Camilo José Cela pronuncia a conferencia de apertura

Actualizada: 06-07-2017 11:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Estudantes de catorce países de tres continentes chegan esta semana a Compostela para participar ata setembro nos cursos de verán de lingua e cultura española para estranxeiros que organiza Cursos Internacionais da USC.

A inauguración oficial desta nova edición terá lugar este venres 7 ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto que presidirá o reitor Juan Viaño e ao que asisten a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo, Marta Lois González; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; a directora de Cultura do Instituto Cervantes, Beatriz Hernaz Angulo; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Pilar Taboada de Zúñiga Romero.

A conferencia inaugural, titulada ‘Vagabundaje, exilio, viaje: en torno a la literatura viajera’ impartiraa a catedrática do Departamento de Linguas estranxeiras e vicerreitora de Internacionalización da Universidade Nacional de Taiwán, Luisa Chang. A doutora Chang é correspondente estranxeira da Real Academia da Lingua española e tradutora ao chinés das obras do escritor Camilo José Cela.

No acto estarán presentes os estudantes e coordinadores estranxeiros que participan nos cursos de lingua e cultura, procedentes de universidades e centros educativos e culturais de moi diversas procedencias, como Alemaña,  Italia, Reino Unido, Suecia, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Bangladés, Arabia Saudí, China, Hong Kong, Corea do Sur, Xapón e Taiwán.  

Para todos eles, Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden 20 horas semanais de clases de lingua e cultura, coa temática xacobea como obxecto de estudo non só nos seminarios senón tamén nas actividades culturais e lúdicas que teñen lugar ás tardes. Así, o alumnado participa en visitas guiadas á cidade e ao patrimonio da USC, obradoiros de gastronomía, baile e música e excursións á Ribeira Sacra, Parque Nacional das Ilas Atlánticas, Ría de Arousa, Lugo, o Camiño de Santiago, A Coruña e Rías Altas, Pontevedra e Rías Baixas.