Saltar ao contido principal
Xornal  »  Desenvolven en Matemáticas unha ferramenta que reduce custes na xestión das redes de transmisión de gas

Desenvolven en Matemáticas unha ferramenta que reduce custes na xestión das redes de transmisión de gas

O traballo derivou na creación dun software para Reganosa

Actualizada: 17-07-2017 13:52 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

As redes de transmisión de gas ocupan miles de quilómetros e están xestionadas por un Xestor Técnico do Sistema centrado en primeira instancia en satisfacer a demanda dos consumidores sen ter en conta o custo. É dicir, o obxectivo primordial é garantir a seguridade do subministro, independentemente do gasto económico asociado.

Diante desta situación, o investigador Francisco José González Diéguez buscou na súa tese de doutoramento reducir eses custes e o autoconsumo das estacións de compresión –que empregan o propio gas coma combustible- e das plantas de regasificación –as que empregan o propio gas coma combustible- ao tempo que se cumpre coa seguridade do subministro.

Para levalo a cabo, propuxo a construción dun modelo matemático para a simulación de fluxo gas e para o funcionamento das estacións de compresión e das plantas de regasificación, ao que se aplica un teorema matemático de existencia. Este modelo sirve coma base para o deseño dun algoritmo de optimización que permite unha xestión eficiente das redes gas.

O traballo culminou coa creación do software GANESO (GAs NEtwork Simulation and Optimization), desenvolvido para a empresa Reganosa para apoiar a toma de decisións e que na actualidade o emprega na análise de distintos escenarios e como parte da súa estratexia de consultaría na súa filial Reganosa Servicios.

A tese ‘Modelización, simulación e optimización de redes de transporte de gas’, dirixida por Alfredo Bermúdez de Castro e Julio González Díaz, forma parte da colaboración con Reganosa comezada en 2011. Esta colaboración foi recoñecida en 2016 como o mellor caso de éxito de transferencia tecnolóxica en Galicia na categoría de grandes empresas pola Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación.

O tribunal que avaliou o traballo estivo formado por Carlos Vázquez Cendón, Carlos María Parés Madroñal e Emilio Carrizosa Priego.