Saltar ao contido principal
Xornal  »  Máis de 400 persoas participan na Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física

Máis de 400 persoas participan na Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física

Celebrarase na Facultade de Química ata o próximo venres 21

Actualizada: 17-07-2017 14:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Reunión estase a celebrar na Facultade de Química. Foto: Servimav-USC

A Real Sociedade Española de Física (RSEF) iniciou este luns na USC o programa da súa Reunión Bienal coa presenza en Compostela de máis de 400 estudosos/as e profesionais da Física. Esta é unha xuntanza que se celebra dende 1930 e que este ano se desenvolve conxuntamente co 27ª Encontro Ibérico da Ensinanza da Física, coa reunión do Club Español de Magnetismo e a Xornada da Rede Española de Supercomputación.

O programa comezou na Aula Magna da Facultade de Química, sede da Reunión, cunha serie de conferencias plenarias de Josef Ongena, Teresa Rodrigo (Universidade de Cantabria/CERN) e Paolo Giubelino (GSI/FAIR). A primeira hora da tarde, dende ás 15.15 horas, comezan unha serie de simposios simultáneos que na xornada do luns estan dedicados a física nuclear, física de partículas e teórica, enerxía e sustentabilidade, aplicacións e materiais magnéticos, electrónica molecular, física da atmosfera e do océano, información cuántica e termodinámica. Tamén de xeito paralelo comeza o Encontro Ibérico de Ensinanza da Física.

Homenaxe a José Rivas
O mesmo luns 17, tras a clausura do simposio do Club Español de Magnetismo (CEMAG) está previsto un acto homenaxe ao profesor José Rivas, ex presidente e actual socio honorario do club. Esta sesión comeza ás 19.00 horas na propia Facultade de Química.

José Rivas é  membro destacado do grupo de investigación Magnetismo e Nanotecnoloxía da USC (Nanomag), ademais de coordinador do grupo de Nanopartículas e nanoestruturas no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanomateriais, situado en Braga, do que foi o seu primeiro director. En 1982 accede á unha praza de cátedra na USC e catro anos despois comeza unha nova liña de traballo cun equipo interdisciplinar da USC relacionada coa síntese e caracterización de materiais magnéticos nanoestruturados. Como resultado destas investigacións, fundaron un laboratorio interdisciplinario de Nanotecnoloxía e Magnetismo, onde desenvolveron varios métodos orixinais para a preparación de nanopartículas magnéticas coas súas correspondentes patentes para América e Europa. Este laboratorio creou unha spin-off de alta tecnoloxía denominada NANOGAP, da que José Rivas é co fundador. Ademais, o Ministerio de Industria español outorgoulle un premio nacional de innovación a esta spin-off pola súa ampla gama de partículas de calidade.

Programa do martes
Para o martes, o programa comezará cunha sesión transversal dedicada á investigación en Física en España, con especial atención á implicación en infraestruturas científico técnicas singulares e a participación en organismos internacionais. Esta é unha xornada que buscar dar a coñecer as estratexias do Ministerio en canto ao fomento na participación en infraestruturas científicas tanto nacionais como internacionais, achegando a posibilidade de coñecer as inquedanzas das comunidades de usuarios e responsables destas infraestruturas.

Os simposios simultáneos deste martes estarán agrupados arredor dos bloques temáticos dedicados a física nuclear, física molecular nas fronteiras, física de partículas e teórica, astrofísica, comunicación e divulgación, enerxía e sustentabilidade ou tecnoloxías e materiais cuánticos, entre outros.

A Bienal
No encontro exporanse os grandes avances científicos e tecnolóxicos logrados nos últimos anos en distintos campos da Física a nivel internacional. A programación inclúe un total de dezaseis conferencias plenarias sobre temas estrela na fronteira da física impartidas por oradores de gran prestixio e con ampla representación internacional, entre eles o Premio Nobel de 2012 Serge Haroche. Ademais está prevista a celebración de tres sesións en formato de mesa redonda ou coloquio nas que se abordarán asuntos de grande interese para a comunidade científica como son a ensinanza e divulgación da Física; transferencia de tecnoloxía e emprendemento; e acceso e oportunidades de experimentación en instalacións singulares de investigación.

Esta edición, con sede na Facultade de Química, está organizada por profesorado da Facultade de Física da USC e socios da RSEF, coas profesores Dolores Cortina e Elena López Lago como presidenta e vicepresidenta da xuntanza, respectivamente. A RSEF é unha institución sen ánimo de lucro fundada en 1903 co fin de promover o desenvolvemento da Física no que atinxe ao coñecemento básico e as súas aplicacións así como fomentar a investigación científica e a ensinanza en todos os ámbitos educativos.

 

Outras imaxes