Saltar ao contido principal
Xornal

A Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física debate sobre a divulgación á sociedade desta área de coñecemento

Estase a celebrar na Facultade de Química ata o próximo venres 21

Actualizada: 18-07-2017 11:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

As novas fronteiras da supercondutividade e a química do carbono nas estrelas evolucionadas son dous dos temas cos que se reiniciará a sesión do mércores 19 da Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física que ata o venres se celebra na USC. A partir das 10.40 horas está prevista a intervención do Nobel Serge Haroche e xa as 11.30 horas unha sesións plenaria sobre ‘Física para todos: divulgación da Física’ cuxo obxectivo é observar diversos enfoques sobre a situación da ensinanza e divulgación da física en España.

Os simposios simultáneos deste mércores estarán agrupados arredor dos bloques temáticos dedicados a física médica, física de plasmas, enerxía e sustentabilidade, física nuclear, física molecular nas fronteiras, física de partículas e teórica, ou tecnoloxías e materiais cuánticos, entre outros, así como un simposio conxunto co 27 Encontro Ibérico de Ensinanza da Física sobre ‘ Ensinanza, divulgación e historia da Física’. Máis de 400 estudosos/as e profesionais da Física participan neste xuntanza de gran tradición, xa que se celebra dende 1930 e que este ano se desenvolve conxuntamente co 27ª Encontro Ibérico da Ensinanza da Física, coa reunión do Club Español de Magnetismo e a Xornada da Rede Española de Supercomputación.

A Bienal
No encontro exporanse os grandes avances científicos e tecnolóxicos logrados nos últimos anos en distintos campos da Física a nivel internacional. A programación inclúe un total de dezaseis conferencias plenarias sobre temas estrela na fronteira da física impartidas por oradores de gran prestixio e con ampla representación internacional, entre eles o Premio Nobel de 2012 Serge Haroche. Ademais está prevista a celebración de tres sesións en formato de mesa redonda ou coloquio nas que se abordarán asuntos de grande interese para a comunidade científica como son a ensinanza e divulgación da Física; transferencia de tecnoloxía e emprendemento; e acceso e oportunidades de experimentación en instalacións singulares de investigación.

Esa edición, con sede na Facultade de Química, está organizada por profesorado da Facultade de Física da USC e socios da RSEF, coas profesores Dolores Cortina e Elena López Lago como presidenta e vicepresidenta da xuntanza, respectivamente. A RSEF é unha institución sen ánimo de lucro fundada en 1903 co fin de promover o desenvolvemento da Física no que atinxe ao coñecemento básico e as súas aplicacións así como fomentar a investigación científica e a ensinanza en todos os ámbitos educativos.